Demandan o arranxo das beirarrúas e a mellora do saneamento da avenida de Fisterra

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Carballo, a través da súa portavoz, Paula Nogueira, anunciou hoxe que a súa formación presentará unha moción na que demandará ao goberno local que poña en marcha un plan de actuación para o acondicionamento das beirarrúas e a mellora do saneamento da avenida de Fisterra.

Os populares denuncian que o estado das beirarrúas é “lamentable”, existindo desniveis, fochas e pasos elevados con respecto á rúa, o que, segundo Nogueira, dificultan o deambular por ela, e mesmo, impide en moitos lugares, transitar cunha cadeira de rodas.

Segundo explicou Nogueira, os veciños levan moito tempo reclamando actuacións ao goberno local, quen xustificou a súa inacción aludindo que a estrada é de titularidade autonómica. Un feito que os populares desmenten despois de que a Xunta de Galicia comunicase que  a AC-552, no treito que vai entre os puntos quilométricos 31+000 ata o 31+930, pertence ao Concello de Carballo. Compre sinalar tamén, dixo Nogueira, que as beirarrúas de toda a Avenida de Fisterra son municipais, polo que o arranxo e acondicionamento das mesmas non lle corresponde á Administración Autonómica.

Os populares aproveitaron tamén para deixar claro o deficiente estado no que se encontra o saneamiento da zona, un feito que  obriga a súa substitución. “Nas épocas de choivas prodúcense atascos e aláganse os sotos e os baixos dos veciños da rúa, tal e como ocorreu o ano pasado”, dixo Nogueira.

“Estamos a falar dunha das vías principais de acceso a Carballo e, punto de conexión con outros Concellos, na que o tráfico de vehículos é elevado, e na que hai un centro de ensino nas inmediacións, e outro tipo de establecementos nos que a diario, son un punto de afluencia de moitas veciñas e veciños”, apuntaron desde o Partido Popular de Carballo