IMG_1174

Denuncian carecencias de accesibilidade, saneamento e seguridade viaria do Romaño, Guadalupe e Vite

Agustín Hernández anunciou, esta mañá, que o grupo popular trasladará ao vindeiro pleno “unha vella demanda” dos veciños do Romaño, Guadalupe e Vite, relativa a “resolver importantes carencias en materia de accesibilidade, de saneamento, de urbanización e de seguridade viaria” na zona.

Neste senso, recordou que xa existen dous proxectos redactados e orzamentados que recollen todas estas necesidades, pero que pola “reformulación ideolóxica” de Compostela Aberta a día de hoxe continúan bloqueados -estes proxectos foron aprobados polo goberno do Partido Popular en decembro de 2014 e licitados en maio de 2015-: “Cando chegou ao goberno, Compostela Aberta paralizou a súa licitación coa única xustificación de repensar a súa idoneidade”. A través dunha moción, os populares instan a Compostela Aberta a que desbloquee xa estas actuacións para dotar de servizos básicos a dúas amplas zonas do concello.

Tal e como explicou Agustín Hernández, o conxunto das actuacións no Romaño contempla: o saneamento na Ponte Romaño, o asfaltado da pista Catalina, un tramo pendente na unión da pista do Ameneiral coa travesía de Lermo, o acondicionamento das rúas Fonte de Lermo e da Travesa de Lermo; e a canalización de augas e limpeza da pista de Casal da Horta. O proxecto de Guadalupe inclúe a execución das obras para a mellora da rúa Blanco Amor, coa substitución do pavimento, das beiravías, a emodelación de xardíns, para gañar ancho de vía e aparcamento; e a colocación de varandas de seguridade (NOTA: No anexo, detállase cada actuación).

O portavoz popular subliña que as necesidades persisten, polo que presentan unha nova iniciativa para que Compostela Aberta “salde a súa débeda coa veciñanza do Romaño, de Vite e de Guadalupe”, por uns servizos básicos polos que levan moito tempo agardando.

Tendo en conta que nos últimos meses tense agravado o estado do Camiño de Lermo, entre a rúa de Vista Alegre e a rúa dos Camallóns, os populares propoñen engadir a mellora desta vía principal para que se poida reparar. Tal e como informou Agustín Hernández, a rúa presenta gran número de fochancas e deficiencias.

Xa no pleno de xaneiro de 2016, os populares presentaban unha iniciativa –aprobada por unanimidade- para que Compostela Aberta, iniciase de novo o procedemento, tras modificar as actuacións para adaptalas á nova lei de accesibilidade autonómica, en vigor desde marzo de 2015: “Transcorridos máis de ano e medio deste acordo e ante a inacción deste Goberno local, volvemos presentar esta iniciativa de impulso e lembranza do acordado”. Por todo isto, Agustín Hernández anunciou unha moción para que o Goberno local, antes de que remate o actual ano, proceda a licitar novamente a contratación das obras de actuacións viarias, co fin de que ao longo do vindeiro ano se poidan executar. E que, á vista de como se agravou o estado do Camiño de Lermo, programe a mellora do firme desta vía.

Deja una Respuesta