ba04941c-24e1-445d-ad31-e4745a27b383

Denuncia o uso de medios municipais na presentación de Ferrero como candidato do BNG

O portavoz do grupo municipal e candidato á alcaldía de Carballo por parte do Partido Popular, Aurelio Núñez, denunciou hoxe o uso de medios municipais para a organización da presentación do alcalde carballés, Evencio Ferrero, como candidato do BNG.

Os populares afirman que foron varios os veciños que se puxeron en contacto coa súa formación para denunciar a presenza onte de camións municipais colocando as cadeiras e a montaxe do acto nacionalista que tivo lugar onte no edificio do Fórum de Carballo.

“Fixéronnos chegar as fotos dos camións que son do concello e de traballadores municipais coloando as cousas que necesitaron para a presentación”,indicou Núñez, quen cualificou de “inaudito”e de “inxustificable”que o rexedor utilice o diñeiro dos veciños de Carballo para financiar o seus actos partidistas.

“Queremos pensar que cando un veciño de Carballo, que paga os seus impostos, necesite un camión ou un guindastre para calquera asunto particular, Evencio Ferrero non terá a desvergoña de negarllo”,ironizou o candidato popular, quen avanzou que a súa formación pedirá explicacións do ocorrido ao alcalde.

Sen axudas no acto do PP

Ademais, Núñez considera que o asunto é “aínda máis grave”despois de que o seu partido non contase con ningún tipo de axuda municipal en actos similares celebrados no Fórum.

 

“O BNG tennos moi afeitos ás súas políticas sectarias e unha bo proba diso é este caso”, dixo o popular, quen subliñou que o seu partido tivo que colocar e recoller  noutras ocasións todas as cadeiras sen a axuda dos empregados municipais. “Hai que ter moi pouca vergoña, esta vez non quixeron nin disimular e demostraron que non todos os veciños somos iguais neste municipio”,concluíu.

Deja una Respuesta