12 Rafael Rivadulla Varela (ARZUA) (2)

Denuncian a convocatoria dunha plaza de Técnico Administrativo en Arzúa

O Partido Popular de Arzúa quere informar de dúas novas prazas que convoca o concello de Arzúa, unha para Axente da Policía Local e outra para Técnico en Administración Xeral, publicadas este martes no Boletín Oficial da Provincia.

En canto á de Técnico en Administración Xeral, o candidato á alcaldía dos populares, Rafael Rivadulla, non entende que dende o Concello de Arzúa se convoque esta praza a través de concurso-oposición fronte ao sistema de oposición, o que denota que se trata dunha praza dada. Ademais, pon en dúbida a necesidade de tal posto de traballo.

Os populares explican que este procedemento estano a utilizar dende o equipo de goberno para excluír do proceso a moitos dos cidadáns tanto do pobo coma de fóra que contan coa titulación e cualificación suficiente, e manifestan que é un proceso que  atenta contra os principios de igualdade, mérito e capacidade previstos na Lei do Estatuto Básico do Empregado Público polo que tratarán de impugnala.

Dende a xestora do PP de Arzúa sospeitan que o posto está feito a medida dunha persoa, imposta polo seu día dende o BNG ao anterior alcalde nacionalista Xaquín García Couso, que este mantivo durante o seu mandato, ao igual que o actual alcalde, José Luis García López. Un posto que custou arredor de 40.000 € no 2018 e que se incrementará con este cambio ata os 56.000 € anuais.

Explican que, para a súa convocatoria, se debería de utilizar o sistema de oposición e non o do concurso-oposición, xa que deste xeito partirían todos os aspirantes nas mesmas condicións e posibilidades de obter a praza.

Rafael Rivadulla manifesta que “esta praza nin é necesaria nin urxente para Arzúa,” máxime cando existen outras vacantes cunha maior prioridade, por exemplo outra praza máis de Axente de Policía Local, pois tan só hai dúas en Arzúa.

O PP tamén quere deixar claro a grande carga que supón para un concello como o de Arzúa a dotación desta praza, e de pouca utilidade, pois a labor poden asumila outros traballadores. Observamos que outros concellos limítrofes de categoría similar ou superior non se conta con ela dentro da plantilla de persoal.

Lembran os populares que o elevado salario que vai percibir a persoa que o ocupe sae dos impostos dos veciños de Arzúa, e a cualifican de abusivo e desproporcionado.

 

Deja una Respuesta