FOTO VERTEDERO ZAS

Denuncian a existencia dun vertedoiro municipal ilegal e incontrolado nas inmediacións do colexio de Zas

O grupo municipal do Partido Popular de Zas, encabezado polo seu portavoz, David Gómez, denunciou hoxe a existencia dun vertedoiro municipal “ilegal e incontrolado” nas inmediacións do colexio de Zas, no que se poden atopar restos de material de obra, uralitas, plásticos, colchóns e ata un coche.

Os populares lanzaron a voz de alerta despois de que varios veciños trasladáranlles a súa preocupación ante unha situación “especialmente grave” e que atenta contra o medio ambiente e contra a saúde pública.

“Estamos a falar de uralita con amianto e todos sabemos que iso é un material que se debe tratar con moito coidado e que non se pode manipular de calquera xeito”, dixo Gómez, que denunciou tamén a presenza de numerosas ratas na zona.

Coñecida esta anomalía, desde o Partido Popular de Zas instan ao goberno local a que tome medidas no asunto xa que, tal e como explicaron, o vertedoiro atópase nunha leira de titularidade municipal e da que se ten que facer cargo o Concello.
“É curioso que Manuel Muíño presuma de ser un alcalde que se preocupa polo medio ambiente e polo desenvolvemento sustentable e despois atopámonos con estas sorpresas”, afirmou Gómez, quen cualificou o problema como “unha proba máis” de que o rexedor de Zas “pregoa moitas cousas, pero logo non cumpre case ningunha”.

Comunicación ante o SEPRONA
Por outra banda, Gómez avanzou que, á espera das medidas que decida poñer en marcha o Concello de Zas para limpar a leira na que se atopa o vertedoiro, a súa formación trasladará ao SEPRONA esta situación.

“Sabemos que a rapidez non é a característica fundamental deste goberno á hora de facer as cousas. Para exemplo, a documentación que lle pedimos sobre os contratos municipais e que aínda estamos esperando por unha explicación”, dixo o popular quen, sabedor diso, espera que o goberno municipal atenda antes as esixencias do SEPRONA.

Deja una Respuesta