muros

Denuncian a mala situación das asociación de Muros pola nefasta xestión do goberno local

No pleno celebrado o día 28 de xullo o goberno local propón introducir por urxencia unha modificación das bases de execución do orzamento, porque dín que “se trata de pagar as subvencións de forma correcta”, supoñemos que con iso o que quere decir é que se pretende evitar a desfeita que se fixo cos pagos dos premios do Entroido, que a pesar de abonarse nas contas das asociacións participantes (legalmente constituídas e co seu CIF), lles foron imputadas como ingresos aos representantes destas, co conseguinte perxuízo, alarma e trastorno para estas persoas, que viron como á hora de facer a súa declaración da renda lles figuraba un ingreso do concello que nunca recibiran. Para rematar a operación, e ante a alarma ocasionada, convocan unha reunión o 30 de xuño, último día para facer a declaración da renda, co que o mal xa estaba feito.

Levamos varios meses preguntando polos orzamentos para este exercicio, e a resposta que se nos dou sempre dende a alcaldía e o equipo de goberno foi que “estamos traballando”, tamén e dende hai varios meses os responsables políticos do concello saben cales son as subvencións directas que se dan no concello para a organización das festas parroquiais e outras actividades, polo que non se entende a qué ven introducir esas modificacións por urxencia no mes de xullo, despóis de ter convocada á comisión informativa de Facenda. En qué consiste ese traballo que levan meses facendo nos orzamentos? En mirar para eles? Porque nin por urxencia foron quén de mandar a documentación completa, que a tiveron que mandar en dúas tandas, e despóis de que llelo requerir dende o noso grupo.

Sra Alcaldesa e sres concelleiros de compromiso por Galicia, poden enganar por un tempo a uns poucos, pero non van poder enganar todo o tempo a todo un pobo. Son vostedes incapaces de levar este concello, non acertan nen sequera a tramitar en tempo e forma unha modificación do orzamento tan simple como a que pretenden. Están perxudicando coa súa ineptitude e ineficacia a moita xente, e neste caso, ás asociacións, particulamente ás de Muros, porque as de fóra ben podemos ver que se lle paga (acaban de abonarlle 5000 euros a Periodispesca, unha asociación de periodistas especializados en caza e pesca). O que fixeron cos premios do Entroido foi un despropósito en toda regla que non ten ningunha xustificación, e continúa agora con esta proposta. O único que se fai neste concello é o que fan as asociacións, o que fan Os Miúdos, O Castelo Rock, O Rumial, Ximiela, Fouleada, As Carrilanas ou as asociacións veciñais, e ata se permiten o luxo de presumir vostedes do traballo que fan outros, pero finalmente van conseguir con esa nefasta xestión que estan a facer que a xente que se anima a facer cousas, cousas que son importantes para o concello, deixe de facelas, que abandone por imposible.

Deixen de culpar aos demáis pola súa incompetencia, e valoren no que vale o traballo desinteresado da xente que aínda se anima a organizar cousas en Muros

Deja una Respuesta