Imagen1

Denuncian o abandono de pontes e vías municipais sobre a vía férrea

O Grupo Municipal Popular denunciou hoxe en rolda de prensa o mal estado e abandono de varias pontes sobre a vía férrea nas parroquias de Marrozos e Busto. O voceiro deste Grupo Municipal, Agustín Hernández, lembrou que hai xa 8 meses este Grupo presentara unha iniciativa para que se levase a cabo, con carácter de urxencia, a reparación destas infraestruturas.

Por estes motivos, o Grupo Municipal Popular presentará no vindeiro Pleno unha moción na que se solicita que se inicie, o máis rápido posible, a reparación e mellora das catro pontes sobre as que discorren os viais municipais para salvar o trazado ferroviario na parroquia de Marrozos, no vello tramo en servizo comprendido entre A Susana e a estación compostelá.

Ademais, solicítase que se acometa o arranxo da ponte sobre a vía férrea no lugar de Castro, da parroquia de Busto, onde se proxecta a construción dunha vía verde, que foi obxecto dun acordo plenario unánime en xuño de 2017 .

Hernández destacou a desidia do Goberno de Compostela Aberta á hora de enfrontar os problemas urxentes, a pesar de que o propio equipo de Goberno recoñece a necesidade de tomar medidas. Fronte a isto, o Grupo Popular non pode renunciar a seguir mantendo a súa actitude propositiva, como complemento do labor de fiscalización e control da acción de Goberno.

Mediante esta nova iniciativa incídese que esta situación das pontes supón riscos para a seguridade das persoas e afecta tamén aos viais municipais que superan a vía férrea.

Concretamente, a infraestruturas ubicada na parroquia de Busto presenta serios problemas de seguridade como o derrube dun tramo de algo máis dun metro nun dos seus peitorís. No tempo desde que o Grupo Popular denunciou esta situación nada se fixo, a pesar da súa urxencia e da unanimidade da súa procedencia, mentres continúa e se acentúa o deterioro da zona derrubada, un perigo latente para peóns e vehículos.

Nas caso das pontes da parroquia de Marrozos, situadas ao longo dun quilómetro, presentan distintas problemáticas, todas elas de doada solución, tanto desde o punto de vista técnico como económico, unha delas contemplada no proxecto que debería darlle continuidade á mellora realizada recentemente no vial da Cañoteira.

Seguindo a orde no sentido A Susana-Santiago, a primeira, que enlaza o vial da Cañoteira co lugar de Gamás, carece de varios traveseiros de protección nos ocos dos peitorís, o que representa un perigo tendo en conta que o desnivel medio ata a vía en todo o trazado é superior aos 4 metros.

Na segunda ponte, a de maior uso e que comunica o tramo final do vial da Cañoteira con Ardagán e a igrexa parroquial, presenta un derrube no muro de contención, entre outras eivas.

A terceira, que comunica a pista de Aldrei coa estrada N-525, ten un firme de terra e pedras moi irregular, a pesar de que por ela discorre a rede de saneamento. Para a súa mellora, habería que estender unha capa de rodadura que nivelase a ponte e a fixese máis transitable, ademais de reparar os elementos de protección, xa que, neste momento, hai un tramo derrubado e faltan traveseiros de seguridade nos ocos.

Por último, a cuarta, ponte na proximidades do núcleo de Aldrei, ademais da ausencia de traveseiros entre ocos, mostra un preocupante desprazamento dun dos peitorís.

Deja una Respuesta