Foto Cole Vello

Denuncian o atraso na instalación dun paso cuberto no CEIP de Sigüeiro

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Oroso, Alexander Doval, denunciou hoxe o atraso de case un ano no inicio da obra que permitiría a instalación dun paso cuberto entre o colexio de Sigüeiro, o máis antigo da localidade, e as pistas deportivas.

 

En concreto, os populares lembran que o goberno local anunciou en decembro do 2017 que o proxecto iría incluído nos plans provinciais que financia a Deputación da Coruña pero, o certo, é que, “a día de hoxe  non se comezou a executar”, criticou Doval.

 

“Hai temas que deben de ter prioridade, e os temas de educación deben ser un deles”, lamentou o popular, quen lembrou que a actuación consistiría na colocación dunha infraestrutura que permitiría conectar os campos e as pistas deportivas do patio pola parte traseira do centro escolar cara ao polideportivo municipal.

 

Desta maneira, segundo explicou o popular, os nenos do centro evitarían mollarse cando pasan do colexio ás pistas deportivas. “Parece que ao alcalde dalle igual que os nenos se mollen ou non, pola contra, non se entende que non se axilice os trámites que impiden que esta obra se poida facer”, apuntou Doval.

 

Por último, o candidato do Partido Popular á alcaldía de Oroso incidiu en que, todo fai indicar que, unha vez máis, o señor Mirás esperará a que se  acheguen os meses previos ás eleccións municipais para volver anunciar a obra e comezar a facela.

 

“É algo ao que nos ten afeitos o alcalde. Parece que neste municipio só fanse cousas o último ano de mandato, é coma se durante os outros anos os veciños non tivesen necesidades”, lamentou Doval.

Deja una Respuesta