image

Denuncian o bloqueo de CA ás actuacións executadas para a mellora do saneamento

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, denunciou o bloqueo de Compostela Aberta á posta en servizo das actuacións executadas para a mellora da calidade ambiental do río Sar. O representante popular referiuse ao colector do río e á mellora do tratamento da Edar da Silvouta, dúas actuacións que en conxunto superan os 30 millóns de euros de investimento e que, a pesar de estar rematadas desde comezos deste ano, Compostela Aberta non as pon en funcionamento. “O goberno local está buscando pretextos para non facerse cargo das obras”, lamentou o portavoz.

“Non estamos falando nin de días nin de semanas. Compostela Aberta leva meses bloqueando a entrada en servizo destas infraestruturas de gran importancia para a mellora ambiental do noso concello”, explica Agustín Hernández. “Para que estas instalacións se poidan poñer en servizo -engadiu- tan só é preciso proceder á recepción por parte do Concello e formalizar unha encomenda de xestión sobre a totalidade das obras executadas”, explica Agustín Hernández. Un trámite que, tal e como indicou, depende unicamente da vontade política do goberno. Para Agustín Hernández, este é un exemplo máis da súa desastrosa xestión. “En materia medio ambiental, asistimos a un desleixo permanente e reiterado de Compostela Aberta. É certo que non é algo illado, senón que comeza a ser algo reiterado en todas as áreas de goberno”, lamentou.

O representante popular anuncia unha proposición no vindeiro pleno na que urxe ao Goberno de Compostela Aberta a que de maneira urxente formalice a encomenda de xestión dos colectores, do interceptor e da adecuación do vertido na EDAR da Silvouta e, ao mesmo tempo, solicite do Ministerio e da Xunta de Galicia a axilización do convenio para a execución da nova depuradora do Souto: “Pedímoslle que asuma un protagonismo imprescindible no impulso da nova depuradora”, subliñou. “O saneamento -engadiu- é un dos principais retos pendentes que ten este concello. Gustaríanos que fose unha das prioridades do goberno neste novo curso político”.

Actuacións para o saneamento integral de Santiago
Tal e como recordou Agustín Hernández, durante as dúas últimas décadas leváronse a cabo gran cantidade de obras para o saneamento integral de Santiago, canalizando as augas das diferentes zonas para dirixilas conxuntamente á estación depuradora existente, unhas actuacións que culminaron coa construción do interceptor xeral do río Sar, entre Pontepedriña e a EDAR da Silvouta, e as conexións dos colectores interceptores que foi iniciada na primavera de 2015 e cuxas obras xa remataron. Da magnitude das obras executadas dan conta os máis de 18 quilómetros de tubaxes do interceptor e dos colectores construídos ente a Ponte de San Lázaro e A Silvouta, que permiten evacuar cara a EDAR as augas dunha bacía cunha superficie de máis de 7.000 hectáreas brutas.

Para completar o saneamento era preciso tamén mellorar a capacidade depuradora da estación de tratamento da Silvouta. Por iso, e mentres non se constrúe a nova EDAR no Souto, decidiuse mellorar a capacidade de tratamento da existente, para aumentar nun 30% o caudal diario tratado nesta instalación. Con esta obra, xunto coa entrada en servizo dos colectores e do interceptor, a cidade tería que ver mellorada de forma moi notable a calidade do seu saneamento, aliviando en boa medida a presión contaminante que soporta o río Sar.

Vertidos no río Sar
Do mesmo xeito, o portavoz popular quixo poñer enriba da mesa os vertidos reiterados no río Sar, coa aparición de varios peixes mortos. O último caso, fai uns días, na zona de Pontepedriña. “Aproveitamos, tamén, para denunciar a falta de interese do goberno de Compostela Aberta por abordar esta problemática”, destacou Agustín Hernández, quen incidiu que a falta de compromiso medio ambiental por parte de Compostela Aberta comeza a ter consecuencias na cidade.

Deja una Respuesta