Fonte de San Xoan de Calvente

Denuncian o abandono da fonte e o lavadoiro da parroquia de San Xoán de Calvente

O grupo municipal do Partido Popular de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, denunciou hoxe o estado de abandono no que se atopa o lavadoiro da parroquia de San Xoán de Calvente e esixe ao Goberno Municipal que leve a cabo os traballos de mantemento e reparación necesarios.

En concreto, os populares que trasladaron as súas queixas presentando un escrito no rexistro municipal no que sosteñen que a maleza “campa ás súas anchas” pola fonte e o lavadoiro, consideran “inaudito” o “abandono” ao que ten sometido o rexedor, Manuel Mirás, ás parroquias máis afastadas do núcleo de Sigüeiro: Os Ánxeles, Marzoa, Pasarelos e Calvente.

“Desde o Partido Popular temos a sensación de que ao señor Mirás hai que lembrarlle que os veciños destas zonas tamén pertencen ao Concello de Oroso e teñen os mesmos dereitos que o resto”, apuntou Doval, quen esixiu ao alcalde que deixe de “ignorar” os problemas que existen nestas parroquias que o propio Mirás cualificou, nun ton “despectivo”, como o “catro de aí arriba”.

Programa a Voz Veciñal
Por outra banda, o portavoz popular de Oroso anunciou que a súa formación continuará mantendo nas próximas semanas, e dentro do programa A Voz Veciñal, encontros cos veciños de todas as parroquias do Oroso.

“Estamos convencidos de que estas reunións son a mellor maneira de coñecer de primeira man os problemas que teñen os veciños e, desta maneira, poder solucionalos”, apuntou Doval.

Deja una Respuesta