foto Alberto 1

Denuncian o incremento das taxas do auga para as familias de Ames

O Grupo Popular de Ames considera que as novas ordenanzas fiscais reguladoras das taxas de subministro de auga aprobadas polo grupo de Goberno no Pleno celebrado onte suporán un incremento considerable no recibo para as familias de catro ou máis membros.

Segundo o INE, o consumo medio de auga por habitante e día en Galicia sitúase nos 119 litros por habitante e día, sendo unha das mais baixas de España. Aplicando esta media a un período de tres meses (período no que se emiten os recibos das taxas relacionadas coa auga), da unha media de 10,7 m3 por habitante e trimestre. Así pois, unha familia de 4 membros, terá un consumo medio duns 43 m3 ao trimestre.

Analizando as ordenanzas aprobadas polo goberno tripartito, observase que a suposta premisa de que “quen menos consuma menos pague” non e tal. Os veciños que ata o de agora consumían ata 45m3 ao trimestre, teñen que baixar o seu consumo ata os 30m3 para manter o mesmo prezo no recibo.

Arredor do 10 por cento dos 15.000 abonados ao servizo de abastecemento e saneamento de auga de Ames teñen consumos entre os 35-45 m3, grupo ao que pertencen maioritariamente as familias de 4 membros, as cales non teñen ningún tipo de bonificación. Estamos a falar de 1.500 abonados que corresponden a vivendas con catro membros, é dicir, 6000 persoas afectadas pola subida de taxas do goberno tripartito.

O PP de Ames xa advertira nas reunións da Comisión do Ciclo da Auga que as novas tarifas suporían unha subida da taxa para as familias. Así, unha familia que consuma 45 m3 ao trimestre, pagará 60 euros máis que ata o de agora.

A isto súmase que as subidas na taxa no tramo 30-45 m3 ao trimestre chegan ata o 40% de incremento, mentres que no tramo 46-60 m3 esta subida queda no 30%, polo que a premisa de que se pretende gravar o maior consumo de auga cae polo seu propio peso. A realidade é que se vai a facer unha carga impositiva enorme nas familias, sen penalizar realmente aos usuarios que non aforren auga.

Aprobación da licitación do Ciclo Integral da Auga.

No pleno celebrado onte, prestouse aprobación tamén aos pregos que licitarán o servizo de abastecemento, saneamento e depuración no Concello de Ames.

Durante as reunións da Comisión do Ciclo da Auga, o Grupo Popular aportou numerosas propostas para mellorar o documento, sendo estas incluídas no texto final. Cumpre lembrar que se trata dunha licitación por un período curto (2+1+1 anos), similar á que se intentou sacar adiante no anterior mandato.

Búscase con esta licitación a curto prazo a mellor maneira de xestión dun servizo fundamental, ao tempo que poder estudar neste horizonte de ata 4 anos a mellor maneira de xestionar o servizo a longo prazo, posto que existen posturas diferentes sobre se o mais vantaxoso sería municipalizar o servizo ou licitalo a longo prazo.

O Grupo Municipal Popular felicita a toda a corporación polo consenso acadado, e solicita ao Goberno tripartito que empece a traballar canto antes en clarexar o futuro do servizo a longo prazo.

Arranxo da rúa Raxoeira en Milladoiro.

Tamén se tratou na sesión plenaria a modificación dun proxecto para incluír o arranxo da rúa Raxoeira de Milladoiro.

A rúa Raxoeira, onde se ubica a Biblioteca Municipal de Milladoiro, atópase nun estado de conservación moi malo, con presenza de fochancas que impiden o paso dos vehículos con normalidade, e que se anegan en canto a choiva aparece, con prexuízos para os peóns tamén.

Durante varios plenos, o Grupo Popular solicitou ao goberno que se realizase unha actuación urxente nesta rúa, pola que pasan moitos escolares e vehículos diariamente.

Deja una Respuesta