IMG_2066 (1)

Denuncian que o informe sobre a circulación dos Tilos é deficiente e incompleto

O informe de circulación dos Tilos, elaborado por unha entidade privada por encargo da Concellería de Urbanismo, é manifestamente deficiente e incompleto, ao carecer da información básica necesaria para os fins para os que foi contratado, segundo consta nun oficio da Policía Local que califica de “insuficiente” o documento.

Os traballadores municipais identifican unha decena de carencias no informe elaborado pola entidade privada, entre outras, as relativas a tipos de paso de peóns, ubicación dos estacionamentos para persoas con discapacidade, espazos de carga e descarga, zonas de limitación horaria, localización de semáforos ou paradas de taxi e bus.

A contratación dunha empresa privada para a elaboración deste informe de circulación dos Tilos foi decidida pola Concellería de Urbanismo ao remate do pasado ano, a pesares de que os anos anteriores se confiou esa responsabilidade á Policía Local, autora de tres informes sobre esa materia.

A decisión da concelleira de Urbanismo de por o traballo nas mans dunha empresa privada puxo en entredito a confianza institucional na solvencia da Policía Local, co agravante de que supón destinar cartos públicos en favor dunha empresa privada, elixida con criterios e razóns que se descoñecen.

A Policía Local de Teo elaborou tres informes nos anos 2010, 2012 e 2014 cuxo asunto era a reordenación do tráfico rodado na urbanización dos Tilos. Desde a entrada do bipartito no goberno, a concelleira Lemus manifestou en varias ocasións a necesidade de reordenar o tráfico na urbanización, para o que o seu departamento solicitou a realización dun novo informe a unha entidade privada co mesmo obxectivo que os tres realizados previamente, cun custo que ascendeu a 3.509€.

Para os populares teenses este caso resulta grave por tres motivos. En primeiro lugar, por realizar un desembolso das arcas públicas cara unha entidade privada cando a realización do informe podería ser realizado por funcionarios públicos. En segundo lugar, denota unha desconfianza manifesta na Policía Local de Teo. E en terceiro lugar, polo deficiente contido do informe que carece da información necesaria para a finalidade prevista.

José Manuel Guerra esixe explicacións públicas destes feitos e espera unha resposta argumentada da concelleira de Urbanismo. Para o portavoz popular teense "a veciñanza merece unha explicación sólida de quen levou a transparencia por bandeira e que agora incorre nun gasto de cartos públicos a favor dunha empresa privada, a costa de ningunear a profesionalidade da policía local de Teo”.

Deja una Respuesta