FOTO 1 VERTEDOIRO ZAS (11-09-2017)

Denuncian un novo vertedoiro na contorna do campo de fútbol de Baio

O grupo municipal do Partido Popular de Zas, encabezado polo seu portavoz, David Gómez, denunciou hoxe a existencia dun novo vertedoiro municipal “ilegal e incontrolado” na contorna do campo de fútbol Platas Reinoso de Baio, onde se poden atopar restos de material de construción, diversos neumáticos, ferros e residuos de todo tipo.

Desde o Partido Popular subliñan que non é a primeira vez que fan unha denuncia deste tipo e lembran que, o pasado mes de xuño, xa lanzaron a voz de alerta sobre un vertedoiro similar nas inmediacións do colexio de Zas.

“Parece que no Concello de Zas hai dous tipos de política ambiental: unha a que pretende vender o alcalde, e outra a que pon verdadeiramente en práctica”, apuntou Gómez, quen acusou ao rexedor de “enrolarse na bandeira do ecoloxismo” e logo permitir que os cascallos se depositen de “calquera maneira e sen control” nunha parcela de titularidade municipal.

O portavoz popular referiuse tamén á “demagoxia” do alcalde, en referencia ao ‘vaso ecolóxico’ que desde o Concello de Zas tentouse impor en todas as festas celebradas este verán no municipio. “Ao resto de veciños obrigámoslles a ter que pagar este vaso para cumprir co medio ambiente, pero logo o alcalde sáltase todas as normas e sorpréndenos con que a mellor maneira de reciclar é tirar todo nunha parcela e tapalo con terra”, dixo Gómez.

Comunicación ante o SEPRONA
Coñecida esta anomalía, desde o Partido Popular de Zas instan ao goberno local a que tome medidas no asunto, xa que o vertedoiro atópase nunha leira de titularidade municipal da que se ten que facer cargo o Concello.

“Igual o señor Muíño di agora que a culpa de todo isto é do Partido Popular que anda buscando os vertedoiros, ou que o asunto non é tan grave como para denuncialo, pero o certo é que os veciños están cansados de mentiras e de que se lles tome o pelo”, afirmou Gómez, quen lembrou que, grazas á denuncia da súa formación, o executivo local procedeu á limpeza dos escombros nas inmediacións do Colexio de Zas.

Gómez avanzou que a súa formación trasladará ao SEPRONA esta situación se o Concello non toma as medidas que para limpar a leira na que se atopa o vertedoiro.

Deja una Respuesta