foto candidatos barbanza

Calvo presenta aos candidatos do Barbanza convencido de que seguirá sendo “un bastión” do PP

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, deu a coñecer hoxe que Manuel Ruiz Rivas, Juan José Dieste, Santiago Freire, Teresa Villaverde, Beatriz Molinos, Luís Oujo, Inés Monteagudo e Manuel Durán serán os candidatos para as municipais do 2019 nos concellos de Ribeira, Boiro, Noia, Lousame, Outes, Porto do Son, Muros e A Pobra.

Nun acto celebrado esta tarde en Ribeira, e acompañado do vicesecretario xeral de Organización e Territorio e director de campaña para as municipais, Evaristo Ben, Calvo subliñou o importante peso político que a comarca ten para os populares. “Non é casualidade que empecemos nesta terra coa presentación dos candidatos, aquí resistimos mellor que noutros lugares o mal momento electoral do 2015, e estou convencido de que o Barbanza seguirá sendo un bastión fundamental para nós o próximo ano”.

Tras o resultado electoral colleitado nas últimas municipais, o presidente provincial incidiu en que a súa formación aceptou o que determinaron as urnas e, desde entón, púxose a traballar para agora poder presentar con tempo suficiente aos cabeza de lista.

No caso do Barbanza, Calvo incidiu en que moitos dos populares non pararon de traballar cada día desde os gobernos municipais, e outros, como Inés Monteagudo e Manuel Durán, fixérono desde a oposición.

“Desde un sitio ou desde o outro, todos coñecedes ben cal é a situación de cada un dos vosos concellos, e todos sabedes que non valen fórmulas máxicas como as de Pedro Sánchez, que o único que funciona na política é falar e estar preto dos veciños”, dixo Calvo.

Neste sentido, o líder dos populares na provincia puxo como exemplo do que queren os veciños do Barbanza o traballo realizado polo goberno da Xunta comandado por Alberto Núñéz Feijoo. “En Galicia non perdemos o tempo con temas de identidade e pactando con independentistas, sabemos que somos galegos. Tampouco perdemos o tempo con políticas de xestos baleiros e de cara á galería, aquí somos máis de facer, de avanzar con feitos concretos”, dixo.

Ademais, Calvo recalcou que o Barbanza “é do PP”e quere gobernos estables como o que os populares ofrecen a nivel autonómico. “Ribeira, Boiro, Noia, Outes, Lousame e Porto do Son son exemplos da importancia de contar cun goberno local serio, fiable e que fai ben as cousas”, dixo o popular, en contraste, segundo explicou, coa “parálise”e a “freada”que sofre A Pobra ou o “desgoberno”que arrasa Muros.

Gobernar, unha gran responsabilidade

Nesta mesma liña, o presidente provincial subliñou que para a súa formación gobernar é“unha gran responsabilidade”e censurou a aqueles partidos que apostan polo márketing e o aplauso fácil. “Si os veciños queren algo así para os seus concellos que non miren para aquí porque non o van a atopar”, dixo Calvo, quen incidiu en que os populares entenden a política como unha maneira de “traballar para mellorar a vida da nosa xente”, fronte aos “experimentos nocivos das Mareas de Podemos”.

 

Orgulloso de contar nas súas filas con oito candidatos “inmellorables”,Calvo apelou á “unidade”,á “ilusión”e ao “traballo realizado durante todos estes anos”como aval para presentarse diante dos veciños e “convencelos de que somos a única alternativa fiable para que os seus municipios teñan un  goberno estable”.

“No Partido Popular gústannos os retos e afrontámolos convencidos de que imos gañar”, dixo o popular, quen animou a todos a conformar “os mellores equipos”para que o futuro da comarca do Barbanza siga en “boas mans”.

 

Deja una Respuesta