FOTO CONGRESO LOCAL DE MUGARDOS

Deus liderará un PP que aspira a conseguir a maioría absoluta en Mugardos

“Non queremos gañar as eleccións, queremos volver gobernar Mugardos”. Así de convencido e de tallante mostrouse Domingo Deus nas súas primeiras palabras despois de ser elixido como novo presidente do Partido Popular de Mugardos, tras lograr o 100% dos votos no congreso local celebrado esta mañá.
Acompañado polo presidente dos populares na Coruña, Diego Calvo, polo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, e polo vicesecretario xeral provincial de Organización e Territorial, Evaristo Ben, Deus subliñou que a súa formación sae cun proxecto “máis unido e máis reforzado” dunha cita que cualificou como “un antes e un despois” no Partido Popular de Mugardos.

Seguro de que a súa formación volverá gañar as eleccións municipais do 2019, o novo presidente local marcouse como obxectivo conseguir unha maioría absoluta que lles permita seguir coa “transformación” iniciada en Mugardos durante o ano que populares gobernaron o municipio.

“Somos conscientes de que non nos chega con gañar, temos que alcanzar unha maioría suficiente para impedir que, posteriormente, o pacto de perdedores volva facerse co bastón de mando do Concello”, dixo Deus, quen recalcou que conta con todas aquelas persoas que queiran sumarse a un proxecto que cualificou de “innovador e de portas abertas”.

Así mesmo, Domingo Deus incidiu en que o seu partido continuará “traballando duro” e “man a man coa xente” para que Mugardos teña, a partir do 2019, un goberno local que goberne “para todos os veciños” e non como, na súa opinión, o que existe na actualidade que xa demostrou que “só o fai para os seus amigos”.

Xestión fronte a parálise
Pola súa banda, Diego Calvo, que aproveitou a cita para insistir na importancia de continuar coa “actualización” das xuntas locais do Partido Popular na provincia da Coruña como a “mellor receita” para afrontar con garantías o reto das municipais do 2019, destacou que Mugardos “retrocedeu nun ano todo o que avanzara co goberno local do Partido Popular”.

“Non fai falta que volo conte eu, puidéstelo comprobar durante este tempo. Aquí non se trataba de cambiar de goberno para mellorar a vida dos veciños, tratábase de cambiar de goberno para botar ao Partido Popular. Non había outro motivo”, afirmou o presidente provincial.

Neste sentido, Calvo subliñou que, a “última ocorrencia” dun executivo local ao que acusou de “non saber nin por onde anda”, foi a idea de tratar de “privatizar” a festa do polbo. “Agora resulta que teñen que vir de fóra a dicirvos como se fai o polbo aquí en Mugardos”, dixo o popular.

Por todo isto, o presidente popular animou a afiliados e simpatizantes locais a traballar “de xeito conxunto” para que Mugardos teña outra vez o “alcalde que se merece”, unha persoa que mire unicamente polos intereses dos veciños e non por “contentar ao resto de partidos perdedores aos que lles debe a alcaldía”.

Odio ao Partido Popular
Nesta mesma liña, Miguel Tellado fixo fincapé en que en lestes últimos dous anos vimos o efecto que teñen os gobernos aos que só une o seu odio ao Partido Popular. “Nós temos que aproveitar ese odio e convertelo en ilusión por volver darlle a Mugardos o Concello que se merece”.

“Hai moita xente que nos vota, pero hai aínda moita máis xente que ten ganas de votarnos”, dixo o secretario xeral do PPdeG, que subliñou que, canto máis tempo pasan os populistas nos concellos, “a xente máis ganas ten de gobernos serios, responsables e rigorosos. E iso é o que nós podemos ofrecerlles”.

Deja una Respuesta