oroso

Doval acusa o alcalde de utilizar a Festa dos Maoires para cargar contra o PP

O grupo municipal do Partido Popular de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, acusou hoxe ao alcalde, Manuel Mirás, de aproveitar a Festa de Maiores celebrada este sábado no pavillón municipal para volver cargar contra os populares aos que culpou, unha vez máis, de estar detrás da denuncia que obrigou ao rexedor a prestar declaración por un presunto caso de prevaricación.

Para Doval, nin o lugar, nin as formas empregadas polo rexedor son as “adecuadas” para tratar un asunto que, na súa opinión, pouco ten que ver cunha celebración na que os veciños non teñen que aguantar “acusacións cargadas de mentiras” contra o Partido Popular.

“Dá a sensación de que o señor Mirás debe estar un pouco nervioso, pola contra non se entende este ataque desmedido e sen sentido contra a oposición”, dixo Doval, quen apuntou que, para culpar a algunha persoa ou a algunha formación, o primeiro que hai que presentar probas.

Así mesmo, Doval insisteu en que o señor Mirás debería estar “máis preocupado” por outros asuntos que afectan ao día a día dos veciños, que de acusar o Partido Popular de algo no que “non participamos, nin temos nada que ver”.

Neste sentido, o portavoz municipal dos populares subliñou que a súa formación xa deixou claro en varias ocasións que, por encima de todo, respecta a presunción de inocencia do alcalde e dos concelleiros implicados no caso.

Caza de bruxas

Sobre este punto, e tras as palabras do alcalde o pasado sábado, Doval fixo fincapé en que, en lugar de emprender unha “caza de bruxas inxustificada”, o que debería facer o señor Mirás é “explicarlle con toda claridade aos veciños que pasou en todo este asunto”.

“Está moi ben ir ao xulgado a contar a súa versión, pero aos que debe dar explicacións é aos veciños de Oroso”, lembrou o popular, quen incidiu en que o importante deste asunto non é a persoa ou as persoas que interpuxeron a denuncia e “si, que hai realmente detrás desta demanda”.

 

 

 

 

 

 

 

 

Deja una Respuesta