DP 3801

Doval advirte do perigo que supón a falta de limpeza das cunetas da DP-3801

O grupo municipal do Partido Popular de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, advertiu hoxe que a falta de limpeza e de mantemento das cunetas da DP-3801 supón un grave perigo para a seguridade viaria nesta estrada.

Os populares, que lembraron que a DP-3801 é unha das arterias máis importantes da rede viaria do municipio ao conectar Sigüeiro e Grabanxa pasando por Gándara, San Tomé, Senra, Calvente e Os Ánxeles, ata chegar a Frades, esixen á Deputación e ao Concello que leve a cabo os traballos necesarios para o bo mantemento das cunetas desta estrada.

“O estado de abandono das cunetas é alarmante e demostra o deixamento do goberno provincial e o municipal”, indicou Doval, quen subliñou que, na actualidade, a vexetación excede o metro e medio en moitos puntos da vía provincial.

O portavoz popular expresou o “grave perigo” que supón esta situación para os usuarios da DP-3801, tendo en conta que “hai moitas sinais de límite de velocidade e de puntos quilométricos que están tapadas”.

“Non sei se o alcalde e os responsables da Deputación non visitan esta zona ou, simplemente, non lles importan moito, pero é algo que salta á vista de calquera”, afirmou o portavoz, quen incidiu en que a limpeza das cunetas “xa tiña que estar feita hai semanas”.

Risco de incendios
Por outra banda, Doval fixo fincapé en que a falta de limpeza e de mantemento das cunetas converten a toda esta zona “nun foco de alto risco” para que se poida orixinar un incendio.

“Estamos en meses complicados para os incendios e as cunetas descoidadas son un foco perfecto para que se produza un”, indicou Doval, quen esixiu que tanto a institución provincial como o concello se poñan “mans á obra” para evitar unha desgraza da que “despois seguro que nos arrepentiremos”.

Deja una Respuesta