IMG_2824

Doval agradece o esforzo da Xunta para regularizar dous das concentracións parcelarias

O grupo municipal do Partido Popular de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, agradeceu hoxe o esforzo e o investimento realizado pola Xunta de Galicia para levar a cabo a regularización de dúas das concentracións parcelarias do municipio, en concreto a de Senra-Cardama-Villaromariz e a de Pasarelos-Ánxeles-Marzoa-Calvente.

Para explicar este proceso, o portavoz, acompañado pola coordinadora de Medio Rural do Partido Popular da provincia da Coruña, e á vez, conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vazquez, mantivo dúas reunións esta semana con máis de 300 veciños afectados por ambas as concentracións parcelarias.

"As dúas reunións eran un compromiso que adquiriramos durante a campaña das municipais", explicou Doval, quen agradeceu a presenza de Ánxeles Vázquez, a quen cualificou como a persoa "mellor preparada" para falar dun asunto de "vital importancia" para os veciños destas parroquias.

Así mesmo, Doval explicou que, durante os encontros, a coordinadora de Medio Rural dos populares coruñeses explicou a situación actual na que se atopa o proceso para a regularización definitiva das dúas concentracións parcelarias, e respondeu as dúbidas e preguntas dos veciños presentes.

"Creo que este tipo de encontros son moi necesarios. A Xunta está a facer un gran esforzo para dar un impulso ao tema parcelario e terminar cun asunto que fundamental para o rural de Galicia e do que estaban pendentes moitas familias", indicou Doval, quen asegurou que o investimento total en actuacións para estas dúas concentracións parcelarias supera os 4 millóns de euros.

Máis asuntos
Noutra orde de cousas, o portavoz dos populares de Oroso explicou que as reunións serviron tamén para abordar outros temas de importancia para o sector primario como a situación da industria láctea ou as propostas e axudas que o goberno autonómico puxo en marcha para mellorar a situación do campo galego.

"Desde o Partido Popular de Oroso sabemos a importancia que teñen este tipo de reunións. Moitas veces a xente non sabe todos os recursos que pon ao seu alcance a administración e é necesario que os coñezan", apuntou Doval.

Por último, e na medida do posible, o portavoz municipal comprometeuse a seguir adiante con este tipo de iniciativas no maior número de parroquias do municipio.

"A idea é seguir con estes encontros, tratando de abarcar o maior número de temáticas posibles", dixo Doval, quen defendeu que a mellor maneira de coñecer os problemas da xente é "estando ao seu lado e tomando nota de todo o que nos piden".

Deja una Respuesta