Comercio 2

Doval comprométese a activar a Mesa do Comercio Local

O candidato do Partido Popular á alcaldía do Concello de Oroso nas eleccións municipais que se celebrarán o próximo mes de maio, Alexander Doval, anunciou o seu compromiso para levar a cabo unha rebaixa dos impostos municipais –eliminación da plusvalía-, e adiantou a súa intención de activar a Mesa do Comercio local –creada no inicio da lexislatura e que non se convocou nin unha soa vez nos últimos catro anos.

 

Nunha reunión mantida con comerciantes do municipio, e acompañado por a directora xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Sol Vázquez, Doval puxo sobre a mesa tamén a súa intención de desenvolver un plan anual de actividades que permita impulsar o comercio local e a necesaria colaboración coa Asociación de Comerciantes de Sigüeiro co fin de unir sinerxías, ademais de adiantar a súa intención de promover unha feira semanal que se converta nun “verdadeiro referente”na comarca, e un elemento para atraer a xente procedente non só de Oroso senón dos concellos próximos.

 

Doval aproveitou tamén o encontro para poñer de manifesto a súa preocupación pola falta de axentes de policía local, tras catro meses sen ningún membro do corpo policial, o que, dixo, xera unha “grave sensación de inseguridade”entre os veciños e os comerciantes.

 

Noutra orde de cousas, o candidato dos populares avanzou tamén que a súa formación incluirá no seu programa electoral a posibilidade de abrir a Alameda de Góis como aparcamento nos días laborables e en horario comercial para, indicou, paliar, na medida do posible, a falta de lugares para estacionar os vehículos.

 

Así mesmo, Doval avogou por dotar á administración local das ferramentas e os mecanismos oportunos para axilizar a tramitación de licencias e permisos, e reiterou a negativa da súa formación á construción da variante solicitada polo concello, que suporía un “duro golpe”para os comercios e a hostalería do municipio.

 

“Fronte a un goberno local caduco, paralizado e sen proposta para afrontar o presente e o futuro de Oroso, nós temos claro o que queremos facer, como o queremos facer e consideramos fundamental que os veciños o saiban”, concluíu Doval.

 

Pola súa banda a directora xeral de Comercio da Xunta explicou as liñas de axudas que o ente autonómico facilita aos comercios e púxose a disposición dos presentes para calquera dúbida ou aclaración.

 

 

Deja una Respuesta