Iglesia de Deixebre.

Doval denuncia filtracións na igrexa de Deixebre e pide reparación do tellado

O grupo municipal do Partido Popular de Oroso, encabezado polo seu portavoz, Alexander Doval, denunciou hoxe o mal estado no que se atopa o tellado da igrexa da parroquia de Santa Margarita de Deixebre, despois de que os populares, alertados polos veciños da zona, comprobasen este fin de semana a existencia de filtracións de auga no interior do templo.

Ante esta situación, tanto Doval, como o concelleiro popular, Pablo Parga, comprometéronse a trasladar ao pleno deste mes un rogo para urxir ao goberno local a que solucione un problema que, na súa opinión, está a deteriorar a igrexa, ademais de incomodar a celebración dos actos litúrxicos dos veciños da parroquia.

En concreto, o grupo popular solicitará que o goberno local envíe aos operarios municipais para que procedan á retirada dunha rama das bombas que está incrustada no tellado e, ademais, tapen o orificio por onde se filtra a auga cunha tea asfáltica impermeable.

“É completamente inxustificable por parte do goberno local que non se poña solución a este tipo de problemas”, comentou Doval, quen ironizou dicindo que, neste caso, o rexedor, Manuel Mirás, “non poderá dicir que non ten diñeiro para iso”.

21.000 euros para actos protocolarios

Sobre este asunto, o portavoz dos populares volveu criticar ao alcalde, ao que lle lembrou que “se lle enche a boca falando de servizos sociais e das axudas aos veciños, pero logo, onde se deixa o diñeiro é en actos protocolarios, aos que destina 21.000 euros ao ano”.

Por último, Doval confirmou que o seu grupo municipal continuará nas próximas semanas coa súa rolda de reunións coas distintas parroquias, co obxectivo de coñecer de primeira man os problemas e as necesidades veciñais para, máis tarde, trasladalas ao pleno e buscarlles unha solución.

“Estamos moi contentos coa resposta que están a ter os veciños”, apuntou o popular, quen asegurou que estes encontros foron un compromiso electoral da súa formación e, sobre todo, son o mellor mecanismos para estar “preto dos veciños”.

 

 

 

 

 

 

 

Deja una Respuesta