IMG_3011

Doval denuncia que o alcalde sube un 21% o orzamento a costa dos petos dos veciños

O portavoz do Partido Popular de Oroso, Alexander Doval, asegurou hoxe que o alcalde, Manuel Mirás, pretende incrementar nun 21% o orzamento municipal para o 2016 “saqueando” o peto dos veciños con ingresos previstos en concepto de plusvalías próximos aos 165.000 euros.

Os populares, que se abstiveron na votación das contas municipais para este ano, aprobadas nun pleno extraordinario celebrado este xoves, califican de “inxusto e innecesario” que sexan os veciños, con máis impostos, os que soporten o incremento do orzamento previsto polo goberno local.

Así mesmo, o portavoz dos populares en Oroso criticou que no documento económico se recolla só unha partida de 15.000 euros para o programa de Emerxencia Social Municipal e outros 15.000 para as subvencións ás asociacións de veciños.

“Éncheselles a boca falando de servizos sociais e de axudar aos veciños, pero logo, á hora de plasmar esa preocupación, vemos que non se corresponde”, subliñou Doval, quen criticou que, pola contra, o goberno municipal destine 21.000 euros para actos protocolarios.

Gasto en persoal
Por outra banda, o portavoz popular tamén fixo fincapé nos 163.515 euros que sairán das arcas municipais para facer fronte ás retribucións do goberno e do persoal de confianza.

“Cremos que é unha partida excesiva comparada con outros municipios similares a Oroso”, subliñou Doval, quen denunciou os 18.000 euros que o señor Mirás destinará á “propaganda institucional” e ao gabinete de prensa externo que ten contratado o concello.

Noutra orde de cousas, os populares mostráronse “completamente de acordo” co programa de obras proposto polo goberno municipal para este ano, tendo en conta que, tal e como explicou Doval, a maioría figuraban no programa electoral do seu partido.

Por último, o portavoz do Partido Popular instou o señor Mirás a atender os consellos recollidos no Informe de Intervención, que afectan á forma de pago da Conta Xeral do ano anterior, así como a afondar nas amortizacións dos créditos que ten pendentes o municipio.

“Estaría ben ter en conta este tipo de asuntos para non ter problemas máis adiante cos contratos menores e os concursos públicos”, concluíu Doval.

Deja una Respuesta