CONGRESO LOCAL OROSO

Doval liderará un PP máis motivado que nunca para conseguir a alcaldía de Oroso

“Por ganas, motivación e traballo non será”. Así de contundente mostrouse Alexander Doval tras proclamarse presidente do Partido Popular de Oroso, despois de conseguir o 100% dos votos no congreso local que os populares celebraron esta mañá no Centro Cultural Fernando Casas Novoa.

Acompañado polo presidente dos populares na Coruña; Diego Calvo, e polo vicesecretario xeral provincial de Organización e Territorio, Evaristo Ben, Doval subliñou que a súa formación “non escatimará esforzos” para convencer aos veciños do municipio de que os populares son a única alternativa posible para “cambiar dunha vez por todas a forma de facer política en Oroso”.

Convencido de que o congreso servirá para “reforzar, preparar e unir aínda máis” ao seu partido, o presidente local agradeceu o apoio dos militantes, e subliñou a “importancia” de contar cuns compañeiros que o apoien nun obxectivo que, cada día que pasa, “estou máis seguro de que o conseguiremos”.

“Temos por diante dous anos de traballo duro, de pisar moita rúa como fixemos ata agora, de non deixar ningunha parroquia sen visitar e, sobre todo, de ser un partido político que, por encima de todo, estea ao servizo dos veciños de Oroso”, dixo Doval.

Neste sentido, o novo presidente do Partido Popular de Oroso fixo fincapé en que os dous anos de lexislatura actual serviron para comprobar que o proxecto do alcalde, Manuel Mirás, “hai moito tempo que está caduco”, e resaltou que cada día son máis os veciños que aspiran a ter uns servizos en condicións e unhas oportunidades que se merecen.

“Xa está ben de que este concello sexa noticia polos comentarios machistas do seu alcalde, polo abandono das parroquias ou pola falta de investimentos”, dixo Doval, quen se comprometeu a seguir facendo de “altofalante” para levar ao pleno todas as queixas que a súa formación está a recoller.

Actualización do partido
Pola súa banda, Diego Calvo, aproveitou a cita para insistir na importancia de continuar coa “actualización” das xuntas locais do Partido Popular na provincia da Coruña como a “mellor receita” para afrontar con garantías o reto das municipais do 2019.

A dous anos das municipais, o presidente dos populares incidiu en que a súa formación ten que “seguir abríndolle as portas a todas as persoas que queiran achegar algo”, sen que, segundo explicou, iso supoña a marcha dos que levan moito tempo traballando para a formación.

“Debemos sumar para gañar. Non sobra ninguén, pero temos que incorporar a moita xente que estou seguro de que ten ganas de que en Oroso as cousas se fagan doutra maneira”, afirmou.

Por todo isto, o presidente popular animou a afiliados e simpatizantes locais a traballar “de xeito conxunto” como ata a data. “Cónstame que estades pendentes do que sucede no voso municipio, de que vos estades reunindo cos veciños e debedes seguir así. Non existen pocións máxicas para gañar as eleccións. A única maneira de conseguilo e: traballo, rúa e moita proximidade coa xente”, concluíu Calvo.

Deja una Respuesta