IMG_4298

"É hora de que Noriega mude a súa actitude pasota e se centre na cidade"

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, aproveitando o inicio do novo curso político, detallou unha “longa lista de deberes pendentes” do actual Goberno local. Neste senso, cualificou este
inicio de curso como “o Día da Marmota”, xa que “a situación da cidade segue a ser a mesma que hai dous anos: os problemas dos veciños repítense e as solucións dadas por parte de Compostela Aberta escasean”.

Coa chegada dun novo setembro, cómpre fixar a folla de ruta, para rachar coa inercia e reconducir as actuacións do día a día. De aí que Agustín Hernández destaque que “son moitas as áreas que precisan dun impulso especial e son moitos, tamén, os asuntos que agardan dunha atención primordial por parte do Goberno”. “Tras dous anos de Goberno de Compostela Aberta –engadiu-, apenas nada mudou: continúa a falta de mantemento da cidade, de desbroce e o mal estado da rede de sumidoiros; agudizáronse problemas de convivencia (coma o da rúa Fernando III O Santo), está repuntando o número de persoas en risco de exclusión social no noso Casco Histórico e as ANPAS volven amosar o seu rexeitamento ao servizo de comedores escolares”.

Entre as materias pendentes, destacou a necesidade de abordar con ambición e planificación a mobilidade, co fin de rematar cos bandazos e coas decisións improvisadas.

Neste senso, referiuse á semipeonalización da rúa de San Pedro –nas últimas datas, acusouse unha falta de control- e as medidas adoptadas en Xoán XXIII. Do mesmo xeito, recordou que a cidade segue agardando polo aparcadoiro no contorno do Campus Sur, fundamental para paliar a progresiva redución de prazas polas obras de humanización do Ensanche.

Por outra banda, séguese agardando pola actualización do contrato público de viaxeiros, así como a renovación da frota de autobuses e de marquesiña. “O alcalde é o campión en reclamar aos demais, cando debería ser o campión en liderar os proxectos estratéxicos para Santiago”, destacou o portavoz popular, que lamentou o estancamento que sofren proxectos vitais como a depuradora, a Intermoral, o saneamento do río Sar e Sarela, entre outros.

Outros dos aspectos nos que se centrou foi na urxencia da regularización dos contratos, debido a que este goberno, que se declara remunicipalizador, está a prorrogar os máis diversos contratos de servizos e concesións. No caso, por exemplo, da ORA, “levamos ano e medio con renovacións de dubidosa legalidade”.

Tal e como puxo de manifesto Agustín Hernández, este proceder habitual ocasiona prexuízos para o concello, posto que os contratos son mantidos de forma excepcional a dedo, sen ofertalos en réxime de
concorrencia. Nesta mesma liña, denunciou a falta de transparencia e de obxectividade de Compostela Aberta, polo “uso desmesurado dos contratos a dedo”.

O portavoz popular volveu insistir na necesidade de contar co Plan Especial do Casco Histórico e co Plan Estratéxico de Turismo: “Sen planificación, dificilmente podemos liderar a política turística de Santiago”.

Para o portavoz popular o motivo de tantas materias pendentes está claro: “Temos un alcalde que non exerce de alcalde e un goberno que se nega a gobernar”. Neste senso, avoga porque Compostela Aberta aposte pola planificación, en lugar de pola habitual inercia. Neste senso, insta ao alcalde a que afaste a vista do retrovisor e se ocupe dos verdadeiros intereses da veciñanza, para que non sexan catro anos de xestión en branco.

“Xa é hora de que o alcalde mude a súa actitude pasota, de postureo e que deixe de xustificar a súa inoperancia nos erros dos demais para centrarse nos problemas da cidade”.

Deja una Respuesta