image

Consideran que a Conta Xeral de 2015 pon de manifesto a mala xestión de CA

O Grupo Municipal Popular incidiu, esta mañá, en que a Conta Xeral correspondente ao exercicio de 2015 pon de manifesto a mala xestión económica do Goberno de Compostela Aberta. Neste senso, o concelleiro Manuel Martínez explicou que, aínda que é un documento compartido, debido a que o primeiro semestre do ano correspóndese á actividade do goberno do Partido Popular e a segunda, ao executivo de Compostela Aberta, “permite comparar dúas formas de traballar, totalmente opostas nuns períodos de tempo similares”. Os populares abstivéronse na votación das contas do 2015.

“Fronte a un goberno do Partido Popular que iniciou 18 procedementos de contratación por un importe de máis de 7,5 millóns de euros, Compostela Aberta iniciou 10 por un importe que non alcanza o millón de euros; e fronte a un goberno do PP que en cinco meses aprobou 10 proxectos de obra por un importe de 6 millóns de euros, Compostela Aberta tan só aprobou catro, por un importe de 142.000 euros”, explicou Manuel Martínez. Do mesmo xeito, subliñou “a falta de previsión e a improvisación total do actual Goberno local”, tal e como se pon de manifesto o número de urxencias levadas a Xunta de Goberno: dúas durante o primeiro semestre fronte as 46 de Compostela Aberta.

Para Manuel Martínez “o carácter positivo dos números, do que presume CA, vén marcado claramente por un descenso na execución”. Neste senso, explicou que 2015 rompe a tendencia dos últimos anos, xa que o nivel de execución orzamentario do concello acadou o 73%; a diferenza dos exercicios 2014 e 2013, nos que se situou preto do 78%. O concelleiro popular puxo tamén como exemplo da diferenza na xestión que o Partido Popular, no primeiro semestre, aprobou expedientes por unha contía de 79 millóns; mentres que Compostela Aberta, na segunda parte do ano, a maiores do iniciado, tan só foron capaces de executar 10 millóns.

Para finalizar, o concelleiro do grupo popular lamentou, tamén, o incremento do período medio de pago e cualificou ao actual Goberno local de “mal pagador”. Neste senso, explicou que a media dos cinco primeiros meses do ano situábase en 15,49 días e, no segundo semestre, en 31,26 días.

Deja una Respuesta