20151125 Agustín Hernández

El PP de Santiago pide información sobre o obradoiro "Ecotur Santiago II"

O Grupo Municipal Popular, a través dunha pregunta oral que presentará no vindeiro pleno ordinario, insta ao Goberno local a que informe de se continúa mantendo activa a solicitude para o desenvolvemento do obradoiro de emprego ‘Ecotur Santiago II’, dirixido á creación de emprego, á formación de traballadores e á rehabilitación da Escola Unitaria da Susana.
Tal e como recorda o grupo popular, no mes de febreiro de 2015, o goberno do PP aprobou unha solicitude dirixida á daquela Consellería de Traballo e Benestar para a concesión dun obradoiro de emprego denominado ‘Ecotur Santiago II’, orientado a proporcionarlle emprego a 45 persoas. O obradoiro -cunha duración de seis meses- contaba cun orzamento total que ascendía a preto de 450.000 euros, dos cales o concello achegaba 50.000 euros en dúas anualidades. Con esta iniciativa o goberno popular pretendía poñer en marcha un novo produto que incentivara o desenvolvemento turístico sostible; promovendo tamén unha actividade deportiva para o coñecemento do medio rural e natural, a través dunha práctica deportiva en auxe, xa que o obradoiro incluía a creación dun centro de bicicletas todo terreo. “Unha forma de rehabilitar e poñer en valor este singular edificio educativo, divulgando tamén a riqueza ambiental e patrimonial do Val de Santa Lucía e Marrozos”, salientan os populares.

Durante o ano que leva Compostela Aberta no concello, non houbo ningún tipo de información nin de actuación ao respecto, polo que o Grupo Municipal Popular quere saber se o Goberno local mantén entre os seus plans o desenvolvemento do ‘Ecotur Santiago II’. Os populares destacan a importancia de levar a cabo este tipo de iniciativas que neste caso concreto ten un triplo obxectivo: crear emprego, formar traballadores e acometer unha iniciativa de interese para a veciñanza e para atraer a visitantes.

Deja una Respuesta