IMG_1174

El PP pediralle a Noriega que inicie os traballos de prevención de incendios forestais

O Grupo Municipal Popular presentará unha iniciativa no Pleno co fin de que tome medidas para evitar incendios forestais no termo municipal de Santiago, denunciando a total deixadez deste Executivo en materia de prevención. Este Grupo municipal sorpréndese de que, xa iniciado o mes de maio, o Goberno de Martiño Noriega non teña feito nada na planificación contra incendios e, sobre todo, que teña renunciado á contribución da Xunta a través da sinatura de convenios para este fin.

Sorprende que o Concello non teña avanzado nesta planificación específica e, sobre todo, que teña renunciado ás axudas da Xunta, que destina un total de 33 millóns de euros en tres anos, que os concellos destinan a tres finalidades: a adquisición de camións motobomba, rozas de maleza arredor de núcleos habitados e contratación de brigadas.

Dos 313 concellos galegos, 276 e cinco mancomunidades xa teñen asinado convenios con este fin, mentres Santiago renunciou a esa posibilidade alegando publicamente o alcalde que se trataba dunha axuda “pouco significativa” e que era algo “pouco operativo”, porque o ingreso se facía en setembro “fóra dun calendario eficaz para a prevención”.

O grupo que dirixe Agustín Hernández insiste en que o Goberno de Compostela Aberta debe axilizar os traballos de limpeza e xestión da biomasa vexetal para a prevención de incendios forestais na franxa de seguridade no ámbito da súa competencia, sobre todo, nas proximidades dos núcleos de poboación e nas marxes das estradas e camiños municipais.

Así mesmo, o Concello ten a obriga de instar aos propietarios de terreos forestais enmarcados na citada franxa de seguridade a cumprir coas súas obrigas, advertíndolles das consecuencias dun incumprimento que comporta por lei a execución subsidiaria por parte da administración local.

O Goberno de Martiño Noriega debe intensificar a colaboración coa Xunta, compartindo os recursos humanos e materiais, sen renunciar ás axudas que desde o Executivo autonómico se ofrecen aos municipios para contribuír a mellora dos medios dispoñibles para a prevención e loita contra o lume.

A lóxica e a experiencia din que os incendios forestais deben previrse no inverno, coa aplicación de medidas de ordenación e limpeza, para evitar que a biomasa sexa pasto do lume, creando un problema de primeira magnitude, non só ambiental, senón, sobre todo, de seguridade pública.

Por elo, o Grupo Municipal Popular considera que o Goberno de Compostela Aberta está a perder un tempo precioso que se pode lamentar unha vez cheguen as temperaturas máis altas, polo que resulta imprescindible unha programación que articule con dilixencia distintas medidas que incidan no control e coidado dos terreos forestais.

Hai que sinalar que, entre estas administracións responsables nesta materia, atópanse, tal e como se especifica na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, os concellos como entidades locais que deben adoptar as medidas de prevención que lle corresponda nos terreos da súa titularidade, incluíndo a xestión da biomasa para a protección de núcleos de poboación, de infraestruturas, equipamentos sociais, de zonas edificadas e dos parques e polígonos industriais.

Esta xestión, obriga a manter unha franxa de seguridade dun mínimo de 50 metros de ancho de espazo rozado e con plantacións controladas. Unha acción que actualmente se ten fixado para desenvolver ata o 31 de maio e que, para a súa efectividade, debe estar presidida pola colaboración entre administracións públicas, con achega de medios materiais, económicos e humanos; así como polo principio de subsidiariedade que no caso dos concellos se deberá aplicar para os casos de incumprimento dos labores de xestión da biomasa vexetal por parte das persoas responsables desa obriga.

O Concello de Santiago ten un amplo territorio forestal que ocupa 11.448 hectáreas, o que representa un 52,03% da superficie municipal, con parroquias cunha especial relevancia nesta dedicación como A Sabugueira, Figueiras ou San Xoán de Fecha, esta última -xunto coa de Santa Cristina de Fecha- especialmente afectada por un importante incendio forestal acontecido en 2016.

Estas áreas xa foron consideradas de alto risco de incendios pola Xunta de Galicia no ano 2007. Neste senso, cómpre destacar como puntos de referencia no territorio municipal os preto de 240 lugares e os preto de 1.200 quilómetros de rede viaria, dos que arredor da metade se atopan en superficie forestal.

Deja una Respuesta