CRA - Deixebre 1

El PP pide a mellora dos Centros Rurais Agrupados de Oroso

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Oroso, Alexander Doval, reclamou hoxe ao goberno local un maior investimento para acometer os proxectos que permitan levar a cabo melloras nos catro Centros Rurais Agrupados de Oroso, situados nas parroquias de Deixebre, Trasmonte, Senra e Oroso (Vilacide), onde se presta atención a case cincuenta nenos.

Os populares denunciaron que o estado das antigas unitarias, que hoxe en día se utilizan para dar clases a nenos de ata 8 anos, é “francamente mellorable”. Segundo Doval, o seu coidado non se corresponde co que merecen os nenos destas parroquias.

“Estamos a falar de centros de ensino que, en moitos casos, máis que un colexio, son pequenos lugares ‘familiares’, nos que pais e profesores fan un gran esforzo para educar aos nenos”, dixo o popular, quen cualificou de “inxustificable” a falta de “sensibilidade” mostrada por un goberno local ao que volveu acusar de abandonar aos veciños da zona rural.

Neste sentido, Doval incidiu na importancia de “apostar polo rural e, sobre todo, pola educación da xente nova que vive nesta zona”, e reclamou que o executivo local destine “con urxencia, e aproveitando que nos meses de verán non hai clases”, unha partida para mellorar estes centros.

Por último, o portavoz dos populares de Oroso aproveitou a ocasión para demandar tamén a mellora da biblioteca que comparten estes centros e que está situada en Vilarromarís.

“É unha mágoa que os veciños teñan que soportar un goberno local tan pouco preocupado polo mantemento do patrimonio municipal. Neste caso falamos de centros de estudo, pero xa denunciamos que sucede o mesmo con outros lugares como o cemiterio ou os roteiros”, concluíu Doval.

Deja una Respuesta