Chaián II

O PP pregunta polos socorristas e a limpeza nas praias de Chaián e Barciela

O concelleiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez Brunete, a través dunha pregunta ao Goberno local, faise eco do malestar que lle teñen transmitido visitantes e usuarios da praia fluvial de Chaián, no río Tambre, pola demora na retirada dos residuos que se acumulan nesta área recreativa, de forma especial logo das fins de semana e insta ao Goberno a incrementar a frecuencia da recollida para evitar a saturación das papeleiras, tal e como vén sucedendo nos primeiros días da semana.

O concelleiro tamén se interesa polo labor de dous socorristas para a praia fluvial de Chaián e a do Refuxio (na parroquia de Barciela), para cuxa contratación o Concello recibiu unha axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia por importe de 6.400 euros. Segundo a información ofrecida polo Goberno municipal serían dúas persoas con xornada laboral do 100% durante os meses de xullo e agosto. O interese por este asunto xorde logo de constatar que na área de Chaián algúns días da semana non existe este servizo, que unicamente se presta en horario de tarde; e que na área da Barciela non se ofrece información nin hai constancia deste servizo. A iniciativa do Grupo Popular solicita datos sobre os lugares concretos e o horario da xornada destes traballadores, os medios materiais e económicos que achega o concello para este fin e as medidas adoptadas para informar á cidadanía deste servizo.

Deja una Respuesta