IMG_4298

O PP propón que o Concello de Santiago devolva as plusvalías cobradas indebidamente

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, presentou esta mañá unha iniciativa que trasladará ao Pleno do vindeiro mes de setembro para que o Concello active as medidas necesarias para proceder á devolución das
cantidades recadadas indebidamente polo concepto de plusvalías, como consecuencia da aplicación do imposto do incremento de valor dos terreos de natureza urbana na transmisión do solo ou dos inmobles edificados sobre el.

Debido á falta de estimacións fiables sobre a repercusión desta situación en Santiago, o Grupo Popular propón que se leve a cabo por parte do Concello a realización dun estudo sobre a repercusión para a Administración local das cantidades indebidamente recadadas no cobro deste imposto, cuxa recadación neta anual “se foi incrementando notablemente nos orzamentos municipais dos últimos anos, pasando dos 1,6 millóns de euros en 2014 ata os preto de 2,8 millóns no pasado exercicio de 2016, aínda que só unha parte se vexa afectada por esta situación”.

Para o portavoz popular “resulta prioritario abordar esta problemática porque moitos destes casos sen dúbida se corresponden con propietarios de pisos comprados na época de prezos altos, entre os anos 2000 e 2009, e que se venderon en momentos nos que os prezos das vivendas experimentaron unha forte baixada. Trataríase, ás máis das veces, de xente humilde, que non puido soster as súas hipotecas e tiveron que malvender as súas vivendas.”

Ademais do estudo do impacto desta situación en Santiago, “procedendo a informar á veciñanza para que, se fose o caso, poidan reclamar, posto que a devolución ten que facerse a iniciativa dos contribuíntes afectados”, o Grupo Popular solicita que o Concello articule as medidas que se consideren necesarias para facilitar e simplificar unha pronta devolución ás persoas contribuíntes que poidan estar afectadas por cantidades indebidamente recadadas conforme aos supostos
declarados inconstitucionais polo TC.

Por último, a iniciativa do Grupo Popular insta ao Concello a que demande do Goberno de España a maior axilidade na modificación lexislativa que impida seguir cobrando naqueles casos que non se dean incrementos de valor e que se procuren medidas compensatorias para paliar aos concellos polas devolucións que teñan que realizar.

Agustín Hernández rematou indicando que “non cabe ampararse na culminación da reforma lexislativa nin na adopción de medidas compensatorias para demorar as devolucións, porque o Concello debe garantir a protección dos dereitos dos cidadáns o que esixe que se lle dea unha resposta áxil e simple ás persoas afectadas para que recuperen as cantidades que o Concello
recadou indebidamente, tal e como ten ditaminado o Tribunal Constitucional.”

A “plusvalía”, un imposto potestativo para gravar incrementos de valor
O Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana (IIVTNU), popularmente denominado “plusvalía”, é un gravame potestativo das administracións locais que en Galicia recadan preto dun terzo dos concellos, fundamentalmente as grandes cidades e vilas cabeceiras de comarca, entre eles o de Santiago de Compostela.

Segundo puxo de manifesto o portavoz popular, a cuantificación do imposto víñase facendo dunha forma simplificada atendendo ao seu valor catastral e aos anos durante os que o propietario foi titular, pero pero ao non ter en conta a lei a posibilidade de que os inmobles perderan valor provocou cobros indebidos, tal e como recoñeceron recentes sentenzas do Tribunal Constitucional.

Esta situación intensificouse nos últimos anos como consecuencia da crise inmobiliaria que provocou unha perda xeneralizada do valor dos inmobles e numerosos casos de vendas a perdas que, malia iso, cotizaron por este imposto. Iso xerou un problema de gran relevancia polo número de afectados e pola contía das cantidades indebidamente cobradas.

Segundo o informe dunha compañía de taxación oficial de vivendas (TINSA) estímase que os afectados no conxunto do Estado español sitúanse en torno aos 550.000 cidadáns; en Galicia o número de casos nos que se pagou plusvalía sen que a vivenda tivera incrementado realmente o seu valor estímase nuns 18.300 e uns 81.00 na provincia da Coruña desde febreiro do 2013, que sería a data de referencia para reclamar a devolución do imposto (prescribe aos catro anos cando se abona en réxime de autoliquidación).

Deja una Respuesta