pp ordes

Piden a Facenda a bonificación máxima para o IBI de explotacións agrícolas, gandeiras e forestais

O Grupo do Partido Popular de Ordes rexistrou hoxe, para o seu debate no próximo Pleno municipal, unha moción coa que pretende acadar un acordo unánime para instar ao Ministerio de Facenda a aplicar as máximas exencións fiscais posibles para as explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, buscando así apoiar a súa viabilidade presente e futura.

A iniciativa, asinada pola tenente de alcalde e concelleira de Medio Rural e Medio Ambiente de Ordes, Ana Soneira, busca un acordo político para instar a Facenda a que a partir do ano 2017 e posteriores permita aplicar a bonificación máxima permitida –o 95% da cota íntegra do IBI- a todas as edificacións imprescindibles para o desenvolvemento da actividade nas explotacións agrícolas, gandeiras e forestais situadas en solo rústico, e a aplicación desa mesma exención cando esta sexa compatible para as edificacións das mesmas características situadas en solo urbano e vinculadas ás mesmas actividades.

Do mesmo xeito, a moción que o PP someterá a debate e votación no Pleno de Ordes pretende solicitar do Ministerio de Facenda unha moratoria no  proceso de regularización catastral que está a acometer en Galicia, na procura da maior exención tributaria posible para as explotacións agrarias, gandeiras e forestais de Galicia, pero tamén á espera de que a autoridade fiscal faga unha valoración acaída das peculiaridades dos concellos galegos.

Na liña do recente acordo acadado o Parlamento de Galicia, a moción rexistrada polo PP de Ordes pide a Facenda unha exención da taxa prevista no proceso de regularización catastral 2013-2016 a futuro, e que se devolvan as xa ingresadas nos supostos que afectan a construcións indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais  situadas en solo rústico ou solo de núcleo rural.

Especial xustificación en Ordes

A xuízo da tenente de alcalde Ana Soneira, esta demanda está especialmente xustificada por dúas razóns: porque Ordes, como consecuencia da elevada débeda xerada polo anterior Goberno de UXO, foi un dos Concellos nos que a revisión catastral e a actualización dos tipos aplicables se saldou cunha das maiores subidas para o peto dos contribuíntes; pero tamén porque a xestión económica rigorosa impulsada polo novo equipo de Goberno liderado por Martínez Sanjurjo está a permitir equilibrar as contas públicas municipais.

Deja una Respuesta