PACTO-DE-ESTADO

Esixen compromiso co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

O Grupo Municipal Popular presentará no Pleno deste mes unha moción para que o Goberno de Compostela Aberta incremente os fondos destinados a combater a violencia de xénero. Para os Populares, é necesario que o Goberno de Martiño Noriega se comprometa e facilite o cumprimento do Pacto de Estado nesta materia, posto que, grazas a este, o Concello recibirá unha aportación económica importante para que se realicen programas dirixidos á erradicación da violencia de xénero.

 

Neste momento, xa é imprescindible dar un paso máis aló e non só centrarse na visibilización do problema, senón que hai que empezar a traballar con feitos para erradicar esta lacra social.

 

O grupo que dirixe Agustín Hernández tamén considera imprescindible que o Goberno de Martiño Noriega inste á Xunta de Galicia a que aumente os orzamentos destinados aos municipios para este tipo actuacións, ademais de pedir ao correspondente órgano do Concello á creación dunha Comisión Interdepartamental Municipal para o seguimento da aplicación das actuacións neste sentido, así como adherirse ás campañas que o Goberno galego, en colaboración coa FEGAMP, pon a disposición dos concellos.

 

Para os Populares é máis que evidente que a eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación e cooperación, sempre desde o respecto ao réxime de distribución competencial en todas as accións que se desenvolvan, posto que o traballo que se realiza para conseguir a súa erradicación implica a multitude de axentes, tanto desde o sector público como desde o privado.

 

O Grupo Municipal Popular considera necesario un consenso institucional, político e social que mostre, sen fisuras, o compromiso de todas as institucións coa sociedade galega para alcanzar os acordos que permitan avanzar na erradicación da violencia contra as mulleres.

 

Combater calquera forma de violencia de xénero: violencia física, violencia  psicolóxica, violencia económica, violencia sexual, abusos sexuais, acoso sexual e a trata de mulleres e nenas explotadas  sexualmente, debe ser unha cuestión de Estado, xa que a violencia contra a muller constitúe unha violación dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais.

 

Así o esixe a sociedade no seu conxunto xa que, nesta materia, só se conseguen avances se hai un compromiso de todos os sectores políticos e sociais para poñer na axenda, como un asunto prioritario, a loita contra todas as formas de violencia cara ás mulleres, conscientes de que se trata dunha cuestión que nos afecta como sociedade e como país e da que depende o futuro da nosa convivencia.

 

Esta é unha tarefa que require unha actuación unitaria de todas as forzas políticas e da cidadanía, polo que é necesario seguir traballando na senda da máxima coordinación, colaboración e cooperación entre todos e todas e seguir concienciando á sociedade da necesidade de rematar con esta lacra para entre todos erradicar completamente a violencia de xénero.

 

Nos últimos anos téñense producido notables avances neste eido, pero hai que seguir traballando e acabar con calquera forma de violencia exercida contra a muller coa posta en marcha de leis e medidas para combatela.

 

Deja una Respuesta