IMG_2846

Esixen control continua do servizo de limpeza nos centros educactivos de Teo

O equipo de goberno suma xa 6 meses sen renovar o servizo de limpeza. O bipartito non soamente non convocou un novo concurso antes de rematar o contrato que ía vencer en decembro senón que propuxo unha ridícula oferta económica que provocou que quedaran desertas as mesas de contratación de febreiro e abril. Para os populares, esta é unha "actuación premeditada coa cal o bipartito quere encubrir os seus auténticos propósitos: municipalizar o servizo".

No modo de proceder das administracións públicas, particularmente se se trata dun servizo tan básico como o da limpeza, é habitual que antes da finalización do período de contrato dun servizo se resolva un novo concurso coa finalidade de que en ningún momento se sufran deficiencias ou paróns no servizo. Con todo, no Concello de Teo ocorreu exactamente o contrario. Tras a finalización do contrato en decembro de 2016, a mesa de contratación tivo lugar en febreiro de 2017; debido ás condicións económicas ofertadas, quedou deserta, situación que se repetiu dous meses máis tarde ante unha nova mesa de contratación. En palabras do portavoz dos populares teenses, "isto pon de relevo unha incompetencia manifesta na xestión que resulta intolerable ao tratarse dun servizo tan esencial como a limpeza". Con todo, a José Manuel Guerra non lle parece fortuíta esta situación de precariedade no servizo e afirma que "todo parece ser un caldo de cultivo provocado polo bipartito para xustificar unha nova municipalización".

Tal e como se puido coñecer a semana pasada, representantes de pais de alumnos do CRA de Teo reuníronse coa concelleira con competencias en educación, Pilar Fagil, tras as deficiencias na limpeza que se atopaban no centro educativo, tanto nos lugares comúns como particularmente nos baños. Segundo deu a coñecer a propia concelleira, o bipartito é coñecedor destas deficiencias desde fai tres meses e indicou que tamén había estes problemas nalgún dos patios dos colexios.

Para os populares teenses "esta é a consecuencia directa da súa ineficacia na xestión" xa que, como o propio alcalde admitiu en pleno, a precariedade do actual contrato prorrogado provoca deficiencias no servizo. Para o concelleiro Antonio Sánchez "resulta intolerable que sexan os centros educativos os que teñan que pagar a pasividade dun bipartito máis preocupado polas pancartas que por aqueles asuntos educativos que si son da súa competencia como é a limpeza dos centros".

Por este motivo, esixen unha vixilancia continua e sistemática do servizo realizado, especialmente nos centros educativos onde se detectaron os focos de suciedade.

Deja una Respuesta