c65f4fc8-7195-42ef-b54d-b547b3042d14

Esixen os gastos do 'dedazo' na contratación dunha asinante do manifesto das Mareas de Ferrol

A democracia participativa converteuse nun negocio para as Mareas. Os populares solicitan formalmente os gastos da xestión das reunións polas parroquias contratada a dedo en Teo a unha asinante do manifesto da Marea Ártabra de Ferrol. Denúnciase a privatización da participación veciñal.

No primeiro trimestre de 2017 aprobábase en pleno o Regulamento de Participación Cidadá no que se establece a creación de órganos de participación parroquial. Con este regulamento, o executivo comprometíase a promover a participación distribuída polas parroquias nun proceso que debería terse executado directamente por parte de alcalde e concelleiros.

Sen embargo, tal e como explican os concelleiros populares, en lugar de executar esta acción en primeira persoa nunha función “propia do cargo” -en palabras do voceiro José Manuel Guerra-, o bipartito decidiu contratar “a dedo” a unha persoa asinante do manifesto da Marea Ártabra de Ferrol. Consideran “fora de toda lóxica que o executivo privatice a participación veciñal engadindo un gasto extra cando son unhas funcións que lle corresponden claramente ás seis nóminas do executivo local”.
Por este motivo, o voceiro dos populares teenses solicitou formalmente a canto ascende a proposta de gasto pois considera necesario poñer “luz e taquígrafos” e que a veciñanza coñeza “a canto ascende o negocio da democracia participativa en Teo” nun contrato outorgado a dedo directamente.

Unha burla de quen “vendía” municipalización
Para os concelleiros populares teenses resulta “unha descarada burla para veciñas e veciños” que un goberno que dende o primeiro momento levaba por bandeira a municipalización de servizos actúe deste xeito.

Tal e como se explicou en canto se coñeceron os feitos, esta acción resulta dobremente vergonzante. Por unha banda, queda ao descuberto a incapacidade que ten o executivo para achegarse á veciñanza a escoitar cales son os seus problemas. Pola outra, descóbrese a auténtica face daqueles que prometeran unha “transparencia total” e que enchían os discursos de proclamas contra os “amiguismos e chiringuitadas”. A contratación a dedo dunha persoa asinante das Mareas instala definitivamente o amiguismo no executivo local teense nun feito que os populares cualifican de “tan escandaloso como representativo da auténtica cara destes gobernos do cambio. O cambio para peor”.

Deja una Respuesta