FOTO ACTO MARTIN FERNANDEZ (1)

Espazos naturais en Galicia ligada ao emprego e á conservación do medio ambiente

O candidato do PPdeG pola provincia de Coruña nas eleccións autonómicas do 25S, Martín Fernández Prado, avanzou hoxe a intención do seu partido de crear a primeira Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia ligada ao emprego e á conservación do medio ambiente.

Nun acto celebrado esta mañá no Río Abelleira (Carral), e acompañado polo tamén candidato e portavoz de Medio Ambiente durante a última lexislatura, Gonzalo Trenor, Prado explicou que o obxectivo desta proposta é a creación dunha rede estratexicamente planificada de espazos naturais e seminaturais e outros elementos ambientais deseñados e xestionados para ofrecer unha ampla gama de servizos ecosistémicos que inclúe espazos verdes, espazos azuis e outros elementos en áreas terrestres e mariñas.

“Trátase de poñer en valor a importante rede de espazos verdes que existe en Galicia e conectalos entre si”, indicou Prado, quen asegurou que a medida vai máis aló da mellora e a recuperación do espazo natural. “Queremos unha rede que orde, que priorice e que planifique toda a contorna metropolitana desde o punto de vista ambiental”, dixo.

Neste sentido, o popular explicou que a área metropolitana de Coruña reúne as condicións “idóneas” para levar a cabo esta iniciativa, xa que, na súa opinión, abarca unha gran variedade de hábitats (litorais, fluviais, urbanos, bosques,…), espazos naturais protexidos, reservas da biosfera, patrimonio cultural (camiño de Santiago, patrimonio da Humanidade, BICs, …) que “conviven cunha elevada densidade de poboación e un notable desenvolvemento económico, ao que hai que engadir algunhas experiencias previas xa exitosas, como a da Reserva da Biosfera das Mariñas”.

Impulso económico
Ademais dos evidentes beneficios ambientais e paisaxísticos, e a súa repercusión na mellora da saúde e o benestar social, o popular asegurou que a experiencia europea, e así o manifestou a Comisión Europea (CE), demostrou que as solucións de infraestrutura verde “son rendibles e contribúen ao desenvolvemento económico, fomentando favorecendo o impulso dunha economía e un emprego de calidade”.

Sobre este asunto, o candidato popular explicou que o plan inclúe políticas sectoriais, hidrolóxicas, plans para a mellora das infraestruturas relacionadas coa auga, co cambio climático, a ordenación urbanística e a mobilidade.

“Queremos xerar unha economía verde ao redor destes lugares. Xerar empresas e novos empregos nunha economía que xa supón o 5% da economía europea, e que crece ano a ano”, concluíu Prado.

Deja una Respuesta