IMG_4298

“Esta é a verdadeira CA, que non respecta nin a legalidade, nin a propiedade privada"

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, compareceu esta mañá para amosar o seu absoluto rexeitamento polos disturbios acontecidos no día de onte no Casco Histórico de Santiago, os que cualificou de “tremendamente graves”; e para amosar tamén a súa preocupación polas “afirmacións e posicionamentos” de Compostela Aberta ao respecto. “Estamos estupefactos non só co que aconteceu, senón pola reacción dun goberno que non respecta as decisións xudiciais e que incita ao seu incumprimento; que non respecta o dereito á propiedade privada; e un goberno que non protexe aos veciños e veciñas de accións que racharon a vida cotiá e a normalidade do noso casco histórico”.

Foi precisamente por iso polo que o grupo popular solicitou a convocatoria urxente dunha Xunta de Portavoces –que tivo lugar esta mesma mañá, ás 10.30 horas- co fin de trasladar un posicionamento “claro e firme” de toda a Corporación: “O que trasladamos ao goberno é que a Corporación Municipal de Santiago, de forma unánime e inequívoca, expresara o seguinte:

- primeiro, o máximo respecto polas decisións xudiciais e a necesidade de que a Administración local e, en xeral, os poderes públicos colaboren, en todo momento e por todos os medios, no seu cumprimento; - segundo, o recoñecemento e apoio ao papel das forzas e seguridade do Estado, incluída a Policía Local, como garantes do ordenamento xurídico, dos valores constitucionais, da seguridade cidadá, as liberdades públicas e, en particular, do cumprimento das normas legais e das resolucións xurisdicionais; e, - terceiro, a defensa e protección da propiedade privada como dereito fundamental, cos únicos límites e restricións que fixa a Constitución e o resto do ordenamento xurídico”.

Tal e como lamentou Agustín Hernández, o alcalde non só non quixo entrar neste acordo, senón que se negou á súa votación: “Rexeitou de xeito expreso asinar estes tres puntos”. “Esta é a verdadeira cara de Compostela Aberta –engadiu-: non respecta a legalidade, non respecta a propiedade privada e non respecta a seguridade e liberdade das persoas”. Para o portavoz popular, a proposta de acordo é unha cuestión que non necesita nin aclaración nin puntualización: “Se estás de acordo, asinas, o que significa que estás de acordo coa Constitución, co estado de dereito, coa propiedade privada e coa liberdade das persoas; e se non asinas é que estás en contra de todo isto”.

Do mesmo xeito, amosou a súa sorpresa polo apoio por escrito de Compostela Aberta “a expresións culturais fóra da lei”, así como a determinadas afirmacións nas redes sociais, e considerou inaudito o seu posicionamento en contra dun mandato xudicial. “É un sinsentido que un alcalde apoie unha actividade ilegal. É o mundo ao revés”. Para finalizar, o portavoz popular fixo fincapé na “rapidez” do concello para abrir expediente polo peche do edificio: “Gustaríame saber se o concello ten aberto expediente tamén polas innumerables pancartas colocadas nese mesmo edificio desde hai moito tempo”.

Deja una Respuesta