FOTO CONGRESO SAN SADURNIÑO

Belén Trigo Meizoso, nova presidenta local do PP de San Sadurniño

O Partido Popular do Concello de San Sadurniño abriu onte unha nova etapa coa celebración do Congreso Local no que Belén Trigo Meizoso contou co 100% dos votos para ser nomeada nova presidenta.

Nun acto celebrado na Casa da Xuventude, e ante o presidente provincial, Diego Calvo, e o vicesecretario xeral de Organización e Territorio, Evaristo Ben, Trigo avogou por unir a toda a xente do Partido Popular do municipio para que San Sadurniño “volva ter o goberno local que se merece”.

“Aquí, en San Sadurniño, hai moita xente do Partido Popular e eu vou contar con todos os que queiran traballar para mellorar o noso concello. Xuntos somos máis fortes e podemos conseguir máis cousas”, dixo a presidenta, quen agradeceu o traballo realizado ata a data por Manuel Romero Castrillón como portavoz do grupo municipal popular no Concello.

Cansa de soportar a un executivo local que “o único que fai é enganar aos veciños” dicindo, segundo explicou, que a contribución a cobra a Deputación e que o concello non ten nada que ver con iso nin recibe ningún diñeiro desa partida, Trigo prometeu “loitar por un municipio no que todos os veciños sexamos iguais”.

Nesta liña, a popular cargou contra a “persecución” que o goberno local realiza contra todos aqueles que discrepan coas formas do rexedor. “Estamos fartos de vivir nun concello no que, se non pensas igual que os do BNG, non podes falar”, dixo.

Xente nova e veterana

Pola súa banda, o presidente provincial, que tamén tivo palabras para recoñecer o labor levado a cabo por Manuel Romero Castrillón, subliñou a importancia de contar cun “partido forte, no que teñan cabida a xente nova e as persoas veteranas” porque, na súa opinión, todos son “necesarios” no proxecto popular.

Na súa intervención, Calvo aproveitou para cualificar á nova presidenta local como unha persoa “recta, que non se achanta ante nada e que di as verdades”. Unhas características que, na súa opinión, son “imprescindibles” tendo en conta “o goberno sectario que temos en San Sadurniño”.

Por último, o líder dos populares na provincia mostrouse “convencido” que a elección da nova presidenta local, unido ao traballo realizado ata a data, servirá para, “dunha vez por todas, terminar co tempo no que no Concello de San Sadurniño trátanche de forma diferente por ser do Partido Popular”.

Deja una Respuesta