20160920 Fotografía Sánchez-Brunete

Exigen que Noriega explique os plans para seguir coa xestión da ORA

O concelleiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, tras coñecerse o auto que obriga ao concello a adxudicar o servizo da ora e do guindastre á empresa que recorreu, instou a que se convoque de urxencia unha Xunta de Portavoces para que o goberno explique polo miúdo os plans a seguir. Neste senso e tras coñecer esta noticia polos medios de comunicación, criticou o escurantismo do Goberno de Compostela Aberta e a falta de transparencia do alcalde por ocultar este feito. “Pedimos que se convoque a Xunta de Portavoces ou a propia comisión da ora e do guindastre para transparentar os propósitos de Compostela Aberta”.

“Para esta viaxe non facía falta alforxas”, salientou Sánchez-Brunete, que considera que se confirma así que o proceso de municipalización da ora e do guindastre promovida polo alcalde “foi un paripé”. “O alcalde tiña claro que era un proceso abocado ao fracaso –engadiu-. Quería finxir que municipalizaba o servizo, á espera de que unha resolución xudicial os liberase dun proceso complexo e dubidoso”. “Ten –continuou- un argumento novo para desenvolver o seu relato victimista”.

“Un ano e medio perdido”, así cualificou o papel de Compostela Aberta. O goberno deixou podrecer a xestión da ora e do guindastre desde setembro de 2015, data na que se coñeceu a sentencia que declaraba nulo o contrato: “O alcalde fixo caso omiso dunha sentencia, das reclamacións dunha empresa e deixou pasar o tempo para que o problema podrecese”. “As solucións tiñan que terse buscado fai un ano e medio –engadiu-, porque agora hai menos marxe de tempo e hai risco de suspensión do servizo”. Tal e como explicou Sánchez-Bruente, nestes momentos, unha empresa, cunha “interpretación moi forzada da lei de contratos”, está a prestar sen contrato ao referido servizo.

O concelleiro popular urxe que o concello actúe conforme ao interese xeral e non conforme “a prexuízos, delirios ou tácticas absurdas; que actúe dunha vez por todas rectamente e non dunha maneira sinuosa”. Nesta mesma liña, Sánchez-Brunete insta a que o proceso teña a transparencia que non tivo ata o momento: “Que non se oculte a opinión dos técnicos, como si se ocultou nos traballos previos de estudio da municipalización”.

Con respecto ás declaracións do alcalde nas que culpa a gobernos anteriores desta sentencia, Sánchez-Brunete pídelle que “deixe de retorcer” e non falte á verdade: “Que sexa consecuente co que firman e coa realidade dos feitos”. Neste senso, recordoulle que o propio Xan Duro, a través dunha resolución firmada por el mesmo, exoneraba de toda responsabilidade ao concello e culpaba á empresa por aportar documentación falsa

Deja una Respuesta