foto Alberto 1

Falta de consenso do Goberno para organizar os Espazos Políticos na radio de Ames

O Grupo Municipal Popular no Concello de Ames amousouse sorprendido pola falta de consenso do Goberno tripartito amesán no relativo á organización dos “Espazos Políticos” na radio municipal. Así, de maneira unilateral, decidiron asignar espazos de 30 minutos cada 15 días aos grupos municipais, xuntando a todos os grupos da oposición nas semanas impares, a aos grupos de goberno nas pares.

Sendo positiva a recuperación destes espazos, que xa se organizaban no pasado mandato, a xuízo do Grupo Popular o Goberno tripartito, que “presume de acadar consensos”, debería ter falado cando menos cos voceiros dos grupos municipais do Pleno para estudar a mellor maneira de organizar os espazos que lles corresponderían na radio municipal.

Desta maneira, o PP non entende que todos os grupos da oposición se condensen nunha única semana, e todos os do goberno noutra, considerando máis oportuno intercalar os grupos do goberno e da oposición todas as semanas, para facilitar a labor de control que esta última debe facer.

Ademais, dáse a circunstancia de que “curiosamente, os partidos que sustentan ao goberno terán espazo toda a semana que coincida co Pleno Ordinario, sen que a oposición dispoña de tempo nos días previos ao Pleno”.

Regulamento de organización e funcionamento de Ames Radio

Hai dous meses, o pasado 4 de febreiro, celebrouse a única reunión ata o momento para establecer o regulamento de organización e funcionamento de Ames Radio. Na devandita reunión estudouse un borrador, sobre o cal o Grupo Popular achegou varias propostas de mellora e manifestou dúbidas sobre varios aspectos, ao igual que outros grupos.

Ditas dúbidas quedaron de ser respondidas polo goberno, sen que a día de hoxe se teña achegada a información solicitada ao respecto. Entre os datos pedidos atopábase a estimación do custe anual da radio municipal ou o seu plan de actuación.

É importante notar que no propio borrador elaborado polo goberno se establecía que “A asignación específica de espazos e tempos en Ames Radio para os grupos municipais formará parte do seu plan de programación”, e que para isto “o alcalde convocará aos voceiros dos grupos municipais para acordar o tempo máximo de uso de Ames Radio en días e horas dos programas que se vaian realizar”. Sen embargo, o goberno tripartito actúa de xeito completamente contrario ao texto que pretende aprobar.

 

Deja una Respuesta