image

Feijoo comprométese co alcalde de Cabanas a asumir a ampliación do CEIP Eladia Mariño

O alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, desprazouse esta semana a Santiago para manter unha xuntanza de traballo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Unha reunión na que o rexidor lle trasladou a necesidade de proceder á ampliación do Colexio Plurilingüe Eladia Mariño. E unha petición moi ben recepcionada por parte do titular da Xunta, que se comprometeu a asumila con fondos autonómicos. Así, Feijoo avanzoulle ó alcalde o primeiro paso a dar para facela realidade: o próximo mes encargarase a redacción do proxecto. Un paso en firme para lograr unha intervención na que coinciden Concello e comunidade educativa.
Así, Germán Castrillón explicou que o colexio de Cabanas, a pesar dos seus 30 anos de antigüidade, atópase nun bo estado de conservación, en parte debido ás obras levadas a cabo nos últimos anos polo Concello e pola propia Consellería de Educación. Entre elas, a renovación total do peche perimetral, aseos nas aulas de Educación Infantil, a colocación de novas luminarias en todo o centro, renovación da instalación eléctrica e de datos nova…
Aínda así, o incremento na matriculación experimentado nos últimos anos, hoxe en día estable, fan máis que necesaria a ampliación das instalacións. Como dato, apuntar que o centro ten pasado dos 71 alumnos e alumnas no 2001 ata os 180 da actualidade. Isto é, máis do dobre. De aí, os problemas actuais de espazo, sobre todo en relación ás aulas. E, especialmente, no ciclo de Educación Infantil, onde se estima que serían necesarias tres aulas a maiores das actuais. Non só iso, outros servizos, como a biblioteca ou o comedor, precisan de máis metros cadrados para un correcto funcionamento. Así mesmo, coa ampliación, poderase dotar ó colexio dunha aula de usos múltiples, hoxe inexistente, para a celebración de actividades multitudinarias como os festivais escolares, e poderíase tamén mellorar a accesibilidade e condicións da aula de psicomotricidade.
Agora, sinala o alcalde, darase unha solución integral e definitiva a esa falta de espazo grazas á efectiva implicación da Xunta de Galicia.

Deja una Respuesta