image3

Feijóo pide unirse para que ningún voto para un cambio de Goberno se quede sen escano

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu a unión no Partido Popular para que ningún voto para un cambio de Goberno se quede sen escano. Do contrario, segundo sostivo, o PSOE logrará que a súa estratexia de dividir o voto de centro-dereita funcione e o país seguirá na mesma situación de inestabilidade e inacción.

 

Durante un mitin en Santiago, o líder dos populares galegos incidiu en que só se producirá un cambio no Goberno de España se os españois que votaron divididos en abril se unen no Partido Popular. E referiuse a que os votos a Ciudadanos e a VOX, que as enquisas din que non acadarán escanos -como en Galicia-, acabarán favorecendo directamente ao PSOE.

 

OS SOCIALISTAS XA NON CONVENCEN

Ante a falta de xestión, de balance e de compromisos cumpridos, apuntou que ao PSOE só lle queda agarrarse a que o centro-dereita vote dividido, de aí que, durante a campaña, tente darlle todo o protagonismo mediático a VOX. Porque, despois destes meses de tanta irresponsabilidade, frivolidade e parálise, os socialistas xa non convencen.

 

Fronte a isto, o presidente dos populares galegos avogou por sumar as forzas o próximo domingo por todo o que une aos españois e indicou que, tras dúas lexislaturas fracasadas de Pedro Sánchez, o 10 de novembro o fracaso ten que ser dos seus responsables e non dos españois. Así, recordou que as dúas eleccións xerais deste ano son resultado dun Executivo incapaz de gobernar e de formar goberno.

 

UN EXECUTIVO QUE TEÑA EN CONSIDERACIÓN A GALICIA

O líder dos populares galegos salientou que, do mesmo xeito que España precisa dun goberno como o da Xunta, Galicia necesita dun Executivo de España que a respecte e a teña en consideración. Asegurou que o Goberno galego vai seguir facendo todo o que estea na súa man para contrarrestar a inestabilidade, os prexuízos e os incumprimentos dun PSOE que non ten a Galicia nas súas prioridades. Neste punto, afeou a baixada de investimentos nos orzamentos de Pedro Sánchez, os problemas xerados aos traballadores da industria galega e o atraso en infraestruturas como o AVE. Por iso, insistiu en que o próximo non pode ser un novo incumprimento do PSOE con Galicia, senón un Goberno que cumpra coa nosa Comunidade.

 

Neste senso, animou a todos os que queren un Goberno que sexa garantía de estabilidade, de políticas rigorosas e eficaces ante a desaceleración e de máis compromiso con Galicia e que queren, tamén, un Goberno que non se deba nin ao nacionalismo nin ao independentismo a unirse na papeleta do PP, a única alternativa para que a vitoria nas urnas sexa de todos os españois e para que España volva funcionar. “Se volvemos dividirnos, todo seguirá como está: na inacción; pero se volvemos unirnos, España terá un goberno activo e que goberna”, remarcou Feijóo.

 

 

 

 

 

 

Deja una Respuesta