IMG_4376

Feijóo propón novas infraestruturas, mellores servizos sociais e máis oportunidades para os cidadáns da Coruña

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe na Coruña unha escolma de propostas recollidas no programa electoral da formación para acadar novas infraestruturas que permitan unha mellor mobilidade aos cidadáns da Coruña, mellores servizos sociais públicos para a súa área metropolitana, novas dependencias xudiciais e unha cidade máis habitable.

Para comezar, en materia de sanidade, o líder do PPdeG destacou a posta en servizo das novas urxencias no hospital público da Coruña, multiplicando por 5 a superficie anterior, así como a execución da segunda fase do Plan director. Nesta liña, lembrou que actualmente se está a rematar o equipamento do novo bloque cirúrxico e asegurou que se completará o equipamento dos 15 novos quirófanos que o conforman.

Así mesmo, subliñou a posta en servizo de ata cinco centros de saúde na área metropolitana coruñesa (Novo Mesoiro, A Covada en Oleiros, e os de Arteixo, Cambre e Culleredo).

No que atinxe ao programa electoral, Feijóo anunciou que os populares asumirán outros tres compromisos en materia de sanidade: a reforma e ampliación das Urxencias do Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera, a reforma e ampliación do Hospital de Día e a construción dun novo centro de saúde na zona de Juan Flórez-Federico Tapia.

O ÁMBITO EDUCATIVO
O líder dos populares galegos tamén fixo fincapé nas melloras acadadas destinadas á educación pública a través de actuacións como o investimento de 3 millóns de euros para medidas como a construción do novo aulario no CEIP Emilia Pardo Bazán, a ampliación do CEIP Zalaeta e a do CEIP Manuel Murguía.

Nesta liña, no seo do Plan 2016-2020 e tamén grazas ao superávit de responsabilidade, estase a executar, en conxunto, obras en centros de primaria e secundaria. Con respecto a isto, Feijóo asegurou que o PPdeG seguirá afondando na habilitación de máis centros educativos como centros plurilingües e tamén na súa incorporación ao programa Abalar para as novas tecnoloxías.

Así mesmo, seguiranse mellorando as infraestruturas educativas con intervencións en diversos centros como o novo CEIP de Culleredo ou o de Novo Mesoiro. Do mesmo xeito, seguiranse apoiando os centros singulares dependentes da UDC .

MÁIS PRAZAS SOCIAIS
No que atinxe ao coidado das persoas maiores, o presidente do PPdeG puxo en valor a construción e posta en marcha do centro de día de Monte Alto e de Eirís, dotados cada un con 80 prazas. Da mesma maneira, destináronse 11,5 millóns de euros ao Servizo de Axuda no Fogar, incrementándose en 5.000 as horas mensuais desde o pasado xuño.

Nesta liña, Feijóo sinalou que o programa do PPdeG contempla a posta a disposición dos coruñeses dunha nova residencia de maiores.

Con respecto á conciliación, Feijóo subliñou a posta en funcionamento desde 2009 de catro novas escolas infantís (Monte Alto, Eirís, Cambre-O Temple e Sardiñeira), o que supón un total de 328 novas prazas na área metropolitana. Do mesmo xeito, puxo en valor as obras de mellora que se realizarán en tres escolas infantís (Eirís, O Ventorrillo e Santa María de Oza) ao abeiro dos fondos derivados do superávit de responsabilidade.

MELLORAS NAS INFRAESTRUTURAS VIARIAS E NA MOBILIDADE
Tras destacar actuacións realizadas nos últimos anos en materia de infraestruturas viarias e mobilidade, como o Plan de transporte metropolitano, a posta en servizo da terceira ronda, así como a de dous treitos da Vía Ártabra, Feijóo engadiu que os populares acometerán a conexión da Vía Ártabra coa AP-9, de xeito que se poida aproveitar todo o potencial desta infraestrutura para vertebrar os fluxos de tráfico na área metropolitana da Coruña.

Así mesmo, puxo en valor o Plan sendas para a comarca coruñesa, onde se actuará en case 6 km de novas sendas integradas, sostibles e seguras para itinerarios a pé ou en bicicleta.

Ademais, fixo fincapé na mellora da accesibilidade ao Polígono de Sabón. Así, tralo investimento no Nó de Sabón, os populares seguirán traballando por mellorar o tráfico no polígono. Outra das medidas estrela do programa do PPdeG será negociar co vindeiro Goberno do Estado e co Concello de Arteixo sobre a prolongación do acceso ao porto exterior de Langosteira.

Por outra banda, Feijóo destacou a construción da estación intermodal da Coruña, unha infraestrutura estratéxica para a cidade.

O URBANISMO
En materia urbanística, o líder dos populares galegos resaltou a aposta na vindeira lexislatura por afondar na rehabilitación integral de determinados barrios, co programa Rexurbe A Coruña, que consistirá en intervencións directas e intensas adquirindo e rehabilitando edificacións completas para conseguir a recuperación de espazos urbanos, impulsando así a súa dinamización económica, social e comercial.

Así mesmo, financiaranse as actuacións de rehabilitación de vivenda nas novas Areas de Rehabilitación Integral xa declaradas na Coruña: Casas de Franco, Labañou e Núcleo de Elviña.

Por outra banda, Feijóo asegurou que os populares continuarán co desenvolvemento do Plan REHAVITA, cos seus distintos instrumentos xa en aplicación no eido da rehabilitación, aluguer e mellora do acceso á vivenda. Nesta liña, seguirán achegando o financiamento necesario para avanzar no proceso de urbanización do parque ofimático.

Ademais, neste mesmo ano licitarase a construción de 40 novas vivendas de promoción pública nas parcelas propiedade da Xunta.

No relativo ao Solo Empresarial, sinalou que está executada a primeira e máis custosa parte da urbanización do parque empresarial de Morás (Arteixo): o movemento de terras.

AVANCES NAS INFRAESTRUTURAS XUDICIAIS
Noutra liña, Feijóo referiuse ás infraestruturas xudiciais da Coruña asegurando que se atopan moi avanzadas as obras de rehabilitación da Fábrica de Tabacos, de feito, entregarase este ano a obra. Deste xeito, recupérase un edificio emblemático para a cidade e dotando dunhas instalacións xudiciais moi demandadas polos profesionais.

Deja una Respuesta