FOTO REUNIÓN RAFAEL GIRÓN-BEATRIZ MATO

Girón agradece o compromiso da Xunta para mellorar o saneamento do río Baleo

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Ortigueira, Rafael Girón, agradeceu hoxe o compromiso mostrado pola conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, para levar a cabo o proxecto que permitirá mellorar o saneamento do río Baleo.

O portavoz popular, que nos últimos días mantivo unha reunión coa titular de Medio Ambiente, calificou de “moi importante” unha actuación que, segundo explicou, axudará a poñer fin aos problemas de augas residuais que afectan a unha zona “fundamental” para o marisqueo de Ortigueira.

Sobre este asunto, Girón indicou que, durante os meses de verán, e como consecuencia do aumento da poboación de Ortigueira, as augas residuais do río Baleo provocan que o marisco da zona sexa de categoría C.

“Segue sendo apto para o consumo, pero obriga aos mariscadores a ter que tratalo para poder depuralo correctamente”, apuntou o portavoz do Partido Popular.

Un proxecto antigo
Asimesmo, Rafael Girón lembrou que foi o anterior goberno local o que puxo sobre a mesa a necesidade de desenvolver unha actuación que, na actualidade, o rexedor, Juan Penabad, “tiña completamente esquecida”.

“Temos a sorte de que a Xunta se preocupe polos problemas de Ortigueira porque, se é polo alcalde, perderiamos os preto de 300.000 euros dun proxecto que o municipio necesita como o comer”, subliñou o portavoz dos populares.

Para Rafael Girón, esta “desidia”, non fai máis que confirmar a “parálise e a falta de interese” dun goberno local que, desde que tomou as rendas do concello, o único que fixo é queixarse da xestión realizada polos populares.

“Vai sendo hora de que asuman a súa responsabilidade de goberno e empecen a tomar decisións e xestionen para solucionar os problemas dos veciños de Ortigueira”, concluíu Girón.

Deja una Respuesta