20160615_Feijóo_Ferrol_04

"Hai un voto con que volveu o emprego e outro que é malo para Galicia"

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que só hai un voto co que volveu a creación do emprego a España e ao naval galego: o voto ao PP.

Segundo admitiu o dirixente popular, non hai goberno alternativo ao PP e, por iso, cando o resto de partidos perden, bloquean, non propoñen e van á contra. “O seu voto é contraproducente”, engadiu.

Durante un mitin celebrado en Ferrol e no que estivo acompañado polo presidente local, José Manuel Rey, polo candidato ao Congreso, Juan Juncal, e polo presidente provincial, Diego Calvo; Feijóo insistiu en que votar a Ciudadanos non ten sentido e é contraproducente ata para os votantes deste partido, xa que pode acabar transformándose nun voto ás Mareas de Podemos. “O voto a Ciudadanos non suma, o voto a Ciudadanos resta”, engadiu.

Así mesmo, fixo fincapé en que “o máis contraproducente para Galicia é o voto a Podemos”. Segundo indicou, eles din ser “os da xente” pero o primeiro que fan no Congreso é pedir un referendum en Galicia, para que nos dividamos entre nós e teñamos que escoller entre ser ou galegos ou españois.

Do mesmo xeito, recordou tamén que din querer un estatus diferente para Cataluña e o País Vasco, algo que, segundo asegurou Feijóo, non pagaremos os galegos, “xa que nós non pagaremos os privilexios doutras comunidades autónomas”.

Ademais, o líder do PPdeG puxo en valor o esforzo que custou suprimir en Galicia o imposto de Sucesións, un tributo que Podemos quere restaurar pero que o presidente asegurou que o PP non vai permitir.

Se isto fose pouco, lembrou que Podemos tamén se amosa en contra do naval, contra Reganosa, contra a factoría PSA, contra o aeródromo de Rozas e mesmo contra o AVE, que consideran “dos ricos”. “De ir tanto en contra do PP e de ir tanto en contra Feijóo, fóiselles a man e o que están é en contra de España”, precisou.

Por todos estes motivos, o dirixente pediu o voto para que si haxa un goberno útil que sirva ao españois ante os que empregaron o voto da cidadanía en que non servira para nada.

“Fronte a un partido reformista está o inmobilismo”, indicou Feijóo incidindo en que a irresponsabilidade trae consigo unhas novas eleccións, mentres a responsabilidade, como a que demostrou ter o PP, sempre da resultados.

“Hoxe estamos mellor que cando chegamos ao Goberno en 2012 e en 2009”, incidiu Feijóo mentres salientaba que, durante o parón en España, Galicia seguiu funcionando.

Ademais, tamén fixo fincapé en que o que non pode ocorrer é que o presidente do país sexa o perdedor das eleccións e que o xefe da oposición sexa o vencedor dos comicios. Así, apuntou que España xa perdeu seis meses e, por este motivo, pediu non dispersar o voto para lograr gañar con contundencia e poder ter un goberno.

Deja una Respuesta