IMG_0139

Hernández acusa a CA de ter máis da metade do orzamento sen executar

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, amosa a súa preocupación polo baixo nivel de execución do orzamento municipal que, tal e como aparece reflectido no documento de Intervención relativo á información orzamentaria do terceiro trimestre do ano, situábase no 48,77% a data do 30 de setembro. “Isto é, a tres meses de que acabe o exercicio, Compostela Aberta ten máis da metade do presuposto sen executar”, advirte.

O voceiro popular acusa ao Goberno de Compostela Aberta de condenar á parálise a cidade, ao ter executado un “raquítico” 7,8% do orzamento de investimentos. “Tan só foi quen -engadiu- de executar 1,6 millóns euros dos 20,6 do total do capítulo VI en nove meses. É dicir, que o 92% deste apartado ten un nivel de execución do 0%”. Para Agustín Hernández, esta é a proba dun balance totalmente insatisfactorio que obedece a unha falta de previsión e a un alto grado de deixamento por parte de Compostela Aberta.

O portavoz popular considera que a foto fixa do orzamento reflicte cales son as prioridades do Goberno local: mentres que as áreas de gasto relativas á protección e promoción social -que comprende os gastos de servizos sociais, fomento de emprego, pensións…- está executada ao 37% e a de servizos obrigatorios que debe prestar o concello -medio ambiente, alumeado, limpeza viaria e sumidoiros…- ao 44,75%; a partida de atencións protocolarias está executada a máis do 150%. Do mesmo xeito, Agustín Hernández lamenta a baixa execución na mellora dos camiños veciñais (executada ao 4,6%) e a de inversións novas en parques e xardíns (aínda sen tocar).

Facturas pendentes de pago
Outros dos aspectos que preocupa ao portavoz popular é o elevado número de facturas pendente de pago, que ascende a 3.977, e que suman un total de 8,7 millóns de euros; ao que hai que engadir que o 55% das facturas xa están fóra de prazo. Igual de desastrosos son os datos que arroxa o período medio de pago que, no mes de setembro, acadou os 41,11 días. “No que vai de ano, Compostela Aberta leva catro meses -febreiro, xullo, agosto e setembro- superando o máximo legal”, salienta Agustín Hernández.

Deja una Respuesta