20160208 Agustín Hernández

Hernández amosa a súa preocupación pola falta de iniciativas turísticas

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para solicitar a comparecencia da concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, co fin de que dea conta da política turística do goberno e xustifique a “ausencia de iniciativas” neste ámbito. E é que tal e como lamentou, o goberno de Compostela Aberta leva dezaseis meses “ausente”.

Tal e como puxo de manifesto Agustín Hernández, promover a difusión da nosa cidade, a través dunha planificación, con previsión de futuro e orientada á internacionalización, á diversificación e á desestacionalización debe ser unha tarefa prioritaria do goberno municipal. Correspóndelle, polo tanto, ao concello planificar e catalizar todas as sinerxías na dirección de fortalecer e impulsar o sector turístico. “O goberno non pode estar de mans cruzadas”, incidiu o portavoz popular, que recordou que o Plan Estratéxico de Turismo rematou o pasado ano e que “á falta de dous meses para que acabe o 2016, seguimos sen noticias dun novo documento reitor”. “Pero non é só o Plan Estratéxico -engadiu-, descoñecemos tamén as actuacións concretas que o goberno teña realizado na promoción do concello, así como cal é a estratexia que está a orientar nestes momentos as accións actuais e cales son as liñas mestras para desenvolver este sector no futuro”.

Agustín Hernández insta á concelleira de Turismo a que aclare: os obxectivos concretos formula para a acción turística no que resta de mandato; a data na que se contará cun novo Plan Estratéxico plurianual co horizonte posto no Ano Santo de 2021; que estudos e xestións se teñen realizado para tratar de reforzar as liñas aéreas que operan en Lavacolla e para ampliar novas conexións; o número de xestións que se levaron a cabo para que a nosa cidade acolla congresos e grandes eventos a partir do vindeiro ano e no que resta de mandato; como vai tratar de ampliar o incremento de pernoitas e a estadía das persoas que visitan a nosa cidade; ou cal é o número de solicitudes que se presentaron para autorizacións de licencias de novos establecementos hostaleiros, desde a moratoria acordada polo goberno local. “A política de improvisacións nunca deu bo resultados. No ámbito turístico, como noutros moitos, o goberno municipal está improvisando”, salienta. Un dos aspectos nos que fixo especial fincapé foi na falta dunha política municipal aeroportuaria para Santiago e subliñou que “o que aconteceu nestes dezaseis meses no aeroporto de Lavacolla foi a perda de Turkish Airlines, que Ryanair deixe de operar Frankfurt e Vueling, Munich; e as malas noticias da liña israelí Elal”. Do mesmo xeito, considera que contar cun plan director que marque unha folla de ruta e defina os retos e as accións para acadalos é fundamental. “Está ben dar conta dos bos resultados, pero o que non está tan ben é vivir dos réditos do pasado sen formular un horizonte e uns retos para o futuro”, sentenciou.

Deja una Respuesta