IMG_4298

Hernández amosa a súa preocupación pola perda de pulo de Santiago no ámbito cultural

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, denunciou, unha vez máis, a falta de iniciativa e de política cultural do Goberno municipal: “Compostela Aberta, que chegou dicindo que ía mudalo todo, o que realmente está a facer é rachar con todo”. “Está claro –engadiu- que vive sen relato cultural”. O portavoz popular amosou a súa preocupación, e tamén tristeza, pola “perda de pulo” que está a sufrir Santiago de Compostela.

Neste senso, referiuse a que diversos colectivos recoñecen que a cidade “non é hoxe, nin de lonxe, o que foi no pasado”. Ante a proximidade das festas da Ascensión, o portavoz popular considerou que a falta de noticias ao respecto da programación resta oportunidades á cidade e que o concello debería traballar con máis antelación por ser esta festividade unha extraordinaria ocasión para atraer a turistas doutras cidades europeas. Neste senso, Agustín Hernández fixo especial fincapé en que, fronte ao amplo abano de posibilidades que oferta a cidade da Coruña no ámbito musical para os vindeiros meses, “o Goberno local está absolutamente desaparecido do mapa e está furtando á cidade a posibilidade de contar co actuacións de primeiro nivel nacional e internacional”

Do mesmo xeito, considerou que a falta de política cultural está borrando a Santiago do mapa dos grandes eventos musicais o que provoca que infraestruturas, coma o Multiusos do Sar, estean totalmente esquecidas e infrautilizadas.

Sen xerente no Auditorio de Galicia

“É un área que desde hai dous anos sofre unha parálise total”, denunciou Agustín Hernández, que puxo de exemplo a situación do Auditorio de Galicia que continúa sen xerente, desde que en xullo de 2015 Compostela Aberta decidira prescindir del de forma precipitada e sectaria. “O equipamento por excelencia deste concello leva preto de dous
anos sen proxecto artístico, cultural e técnico”, subliñou o portavoz popular. “Dous anos perdidos –engadiu-”.

O Portal de Transparencia
Por outra banda, o portavoz popular cualificou de “broma” a presentación do Portal de Transparencia do Goberno local: “Que Compostela Aberta presuma de transparencia é unha tomadura de pelo, cando seguimos agardando pola execución do último trimestre do ano –nin está colgada na páxina web nin foi entregada aos grupos da oposición-, cando non consta que a liquidación dos orzamentos do ano pasado fose aprobada ou cando o período medio de pago do mes de xaneiro aínda non está colgado na páxina do concello”. Do mesmo xeito, Agustín Hernández pregunta a Compostela Aberta polas facturas do ano 2016, que non figuran no Portal de Transparencia.

“Está ben que Compostela Aberta colgue o pago que se fai ás empresas, pero mellor estaría que antes lles pagase”, salientou. O período medio de pago do mes de febreiro supera os 42 días, o dato máis alto da historia do concello desde 2014.

Deja una Respuesta