IMG-20170128-WA0018

Hernández anima aos mozos de NN.XX. a que participen "sen complexos" no proxecto do partido

O presidente do Partido Popular de Santiago, Agustín Hernández, acompañado do secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, participou, esta tarde, na clausura do II Congreso Extraordinario de Novas Xeracións de Santiago, no que, co respaldo unánime, Adrián Villa foi proclamado presidente.

Agustín Hernández animou a Adrián Villa e ao novo comité de NN.XX. de Santiago a que “trasladen sen complexos” o proxecto do Partido Popular. Neste senso, destacou que “os mozos e mozas teñen moito que dicir e moito que aportar ao proxecto político de Santiago”. “Son a garantía de futuro da nosa cidade”, engadiu o líder dos populares, que ratificou o seu compromiso a seguir contando co “apoio, implicación e traballo” fundamental de Novas Xeracións.

Do mesmo xeito, animounos a “aproveitar ao 100% ser parte do Partido Popular para vivir experiencias, aprender e tratar de mellorar cada día a súa acción, tanto política como persoal”. Para finalizar, destacou a importancia de que se sumen máis persoas ao proxecto de Novas Xeracións, con propostas e para falar de futuro; por iso animounos a ter sempre unha actitude de traballo. “O que lle pido a este novo equipo é traballar, traballar e máis traballar”, sentenciou.

Pola súa banda, o secretario xeral animou ao novo equipo de Novas Xeracións a “ser a conciencia crítica do PPdeG”, a estar a pé de rúa e a trasladar as preocupacións dos mozos. Do mesmo xeito, salientou que “a renovación é o ingrediente fundamental nos éxitos do Partido Popular” e Novas Xeracións sempre xogou un papel fundamental neles. Miguel Tellado reivindicou a organización como “o viveiro de talento e como fábrica de libre pensadores dos que aprender e escoitar”. Para finalizar indicou que “hoxe é o primeiro día para comezar a traballar nun proxecto novo que leve ao PP de Santiago na senda de acadar a alcaldía no 2019”.

A candidatura de Adrián Villa foi a única que se presentou e contou co apoio unánime dos militantes. Durante a súa intervención, destacou que “deste congreso sae un equipo ilusionado, con enormes gañas de traballar e co reto de seguir sumando persoas con ideas frescas e con voz crítica”. Coma un dos principais cometidos, o novo presidente avanzou que trasladará ao partido unha serie de propostas no ámbito da educación e o emprego, dúas das principais preocupacións dos mozos e mozas de Santiago. O proclamado presidente estivo arroupado por Diego Gago e Miguel Mahía, presidentes rexional e provincial, respectivamente, de Novas Xeracións.

Deja una Respuesta