20160113 Agustín Hernández

Hernández avoga pola creación dunha comisión que corrixa os erros da EDUSI

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, propón a creación dunha comisión especial que dirixa o axuste da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado para facer dela un documento realmente eficaz, operativo e funcional e que “sexa de toda a Corporación”. “Propoñemos esta comisión para que defina a estratexia cunha vocación construtiva, na que se poñan enriba da mesa as deficiencias e erros detectados e se corrixan”, subliñou. Neste senso, indicou que do que se trata é de ter un documento que conte coa “unanimidade de todos os grupos e que permaneza ata o 2025”. “Temos a obriga -continuou- de ter unha estratexia consensuada e seria de cara a esa data”.

O grupo popular presentará unha moción no vindeiro pleno do 21 de xaneiro, que recolle a creación deste grupo de traballo para levar a cabo unha mellor definición técnica e orzamentaria, así como a posterior concreción, avaliación e seguimento dos proxectos integrados na Estratexia”, detallou. Este grupo de traballo, que recibirá asistencia de polo menos dous técnicos municipais que a comisión elixa, estará integrado por todos os grupos da Corporación, cunha representación proporcional e con voto ponderado equivalente á do Pleno. Tal e como incidiu Agustín Hernández, o obxectivo é avanzar nunha verdadeira estratexia: “Queremos que sexa solvente, seria, rigorosa, ordenada e ben elaborada”. “O feito, feito está -continuou-. Pero o que non podemos facer é perseverar nos erros. O mellor para Santiago é corrixir a estratexia e mirar cara adiante, cara o horizonte do 2025”.

Para o voceiro popular, o documento actual “non se merece o selo de Santiago”. Neste senso, detallou algunha da imprecisións que contén o documento que se levou ao pleno de onte. “Fálase de que nas Galeras hai un centro comercial que dificulta a mobilidade; fálase de conectar a Cidade da Cultura co periférico, un proxecto desfasado, que data de fai 11 anos; faise mención da problemática da recollida de lixo da cidade con datos de 2006; advírtese da inseguridade cidadá no Camiño de Santiago, connotacións negativas e de alarmismo; entre outras moitas cuestións”, explicou Agustín Hernández. Ademais, no propio informe proposta que foi a Intervención, faise referencia a unha inversión total de máis de 19 millóns de euros que, si se suman todas as cantidades dos proxectos o resultado é de 17,75; cando a estratexia fixa o financiamento en 18,75 millóns de euros. “Un erro que denota a falta de rigor de todo o documento”, lamentou. Neste senso, o voceiro popular subliña que o propio informe da Intervención advirte da “indefinición” do documento e dos problemas en toda a tramitación. Para finalizar, Agustín Hernández agrada que, a pesar dos erros e das imprecisións, Santiago acade os recursos financeiros.

Deja una Respuesta