20160113 Agustín Hernández

Hernández considera prexudicial para a cidade demorar máis o proceso de negociación do orzamento

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para informar da reunión que mantivo co alcalde e na que lle trasladou a súa preocupación pola demora na aprobación dos orzamentos municipais e na que deu por pechado o proceso de negociación. “Tal e como lle comuniquei, o grupo popular, ademais de non compartir nin o fondo nin a forma destes orzamentos; tampouco comparte a dilación do proceso negociador”, subliñou Agustín Hernández, quen incidiu en que “debería ser un proceso moito máis rápido”, para manter o obxectivo inicial de contar co orzamento aprobado o antes posible. Para o voceiro popular, é necesario fixar uns prazos concretos.

Neste senso, Agustín Hernández considera que “o proceso está pechado”, desde o momento en que se analizou a documentación facilitada, se realizaron as achegas e o equipo de goberno deu a súa valoración ao respecto. “Cremos que é prexudicial seguir alimentando esta demora, en reunións nas que non se produce ningún avance significativo”, lamentou. Tal e como detallou, o Partido Popular xa fixo a súa valoración sobre o orzamento, participou en varias reunións de traballo, puxo enriba da mesa as súas propostas e recibiu tamén a resposta do goberno ao respecto. Por iso, subliña que este capítulo está pechado e que é imprescindible dar un paso máis para que este non se alongue de forma innecesaria no tempo.
Agustín hernández recordou que das achegas aportadas polo grupo popular –unha partida para a EDAR, un incremento da contía para a estación Intermodal, un cambio na política de subvencións nominativas e un incremento na partida para equipamentos deportivos-, tan só se tivo en conta esta última: “No resto das nosas propostas, tivemos un non rotundo como resposta”. Do mesmo xeito, denunciou que a documentación solicitada está sendo entregada “en pequenas doses”. “Onte mesmo –continuou-, fíxosenos entrega das bases de execución, pero aínda falta a conta 143, relativa ás facturas pendentes de aplicar ao orzamento; as bolsas de vinculación, o informe de Intervención, así como tamén as achegas do resto da oposición”.

“O PP non vai a ser motivo do atraso na aprobación das contas nin tampouco queremos que se utilice como unha escusa do goberno para non ter en tempo e forma os orzamentos do 2016”, destacou Agustín Hernández. “O Partido Popular –continuou- non vai ser partícipe nin cómplice deste proceso de demora”. Para finalizar, Agustín Hernández salientou que, unha vez que chegue a documentación pendente e o documento unificado coas propostas formuladas polos demais grupos, se “analizará en profundidade”.

CORTE AGUSTÍN HERNÁNDEZ

Deja una Respuesta