20160208 Agustín Hernández

Hernández considera un erro por parte de C.A non incluír unha partida para a Edar

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, tras a reunión mantida esta mañá co equipo negociador dos orzamentos, amosou o seu malestar pola decisión do goberno local de non incluír unha partida para a depuradora nas contas deste ano, a pesar de que é unha “petición unánime” de todos os grupos da oposición. “É un erro importante, xa que é unha actuación imprescindible e inaprazable da nosa cidade”, salientou o portavoz popular, quen explicou que o feito de que non estea firmado o convenio –argumento que esgrime Compostela Aberta para non incluíla- non é causa para que o concello non plasme nos orzamentos o seu compromiso con esta obra, tendo en conta que está incluída nos fondos europeos 2014-2020. “O goberno local ten que amosar o seu firme compromiso coa depuradora de Santiago e colocar unha partida nos orzamentos que permitan facer fronte ás responsabilidades que deriven do futuro convenio”, subliñou.

Para o voceiro popular é unha falta de responsabilidade por parte do grupo do goberno non incluír unha partida para a Edar, xa que se o concello “non amosa ás administracións o seu compromiso co saneamento, probablemente, non teña logo nin a forza nin a capacidade para presionar e lograr que se concrete no convenio o desbloqueo da depuradora de Santiago”. “Incluír unha partida -continuou- podería ser unha mensaxe de compromiso da cidade co saneamento”.
“A responsabilidade de que o río Sar estea contaminado é do concello de Santiago; polo que o que está a incorrer nun posible delito medio ambiental é o concello de Santiago; por iso o concello de Santiago debería ser a primeira administración ocupada e preocupada polo saneamento do río Sar”, incidiu o responsable popular, quen advertiu de que “Compostela Aberta está a xogar cunha cuestión vital para a cidade”.

Agustín Hernández fixo tamén especial fincapé na partida de 138.000 euros para a mellora das instalacións deportivas. Neste senso, amosou a súa satisfacción porque o goberno de Compostela Aberta atendera a demanda do Partido Popular e recoñecera así a necesidade de incrementar esta partida, para facer fronte as importantes deficiencias que presentan, por exemplo, as instalacións de Conxo ou as cubertas do resto de pavillóns. Para finalizar, o voceiro popular considerou insuficiente a proposta do goberno local para a revisión das subvencións nominativas, que recolle un descenso do 30% para o longo de todo o mandato. “Non é suficiente esta redución, desde o punto de vista que o goberno mantén a vontade de incrementalas un 16% este ano”, denunciou. Para o voceiro popular, “é simplemente unha declaración de intencións”. No tocante á partida para a Intermodal, Agustín Hernández mantivo que é insuficiente, tendo en conta o compromiso do resto das administracións.

Deja una Respuesta